Constitúese a Agrupación Socialista da Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Adolfo Rubio Pascual manifestou a súa ilusión e determinación por liderar un proxecto que ten como principal obxectivo acadar a Alcaldía nas vindeiras eleccións
PSOE-A-Pobra-do-Brollón
3 Out 2024

Vense de constituír a Agrupación Socialista da Pobra do Brollón, "un paso importante que representa o compromiso coa veciñanza deste municipio", destacan desde o PSOE provincial.

Ao acto de constitución asistiu a secretaria de organización na provincia de Lugo, Pilar García Porto, e o voceiro da Agrupación, Adolfo Rubio, quen destacaron a relevancia desta nova etapa para o socialismo na comarca.

Os membros da nova executiva da Agrupación Socialista da Pobra do Brollón ocuparán diferentes cargos: o secretario xeral será Adolfo Rubio Pascual; o secretario de Organización será Javier Quiroga Castro; a secretaria de Política Municipal será Tamara Rodríguez Pérez.

Adolfo Rubio Pascual, recentemente elixido secretario xeral, manifestou a súa ilusión e determinación por liderar un proxecto que ten como principal obxectivo acadar a Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. "Queremos traballar man a man coa veciñanza da Pobra do Brollón para mellorar os servizos e a calidade de vida. Este é un obxectivo alcanzable e estamos convencidos de que, coa nosa entrega e esforzo, poderemos ofrecer un proxecto sólido e ilusionante para o noso concello", afirmou Rubio Pascual.

A Agrupación Socialista da Pobra do Brollón arranca con forza e co obxectivo claro de conquistar a Alcaldía, “unha meta que sería altamente beneficiosa para a veciñanza dada a boa sintonía entre o proxecto socialista local, o Goberno de Pedro Sánchez e a Deputación de Lugo”, afirma Rubio.

Tamén sostén que esta colaboración pode traducirse en proxectos concretos e melloras importantes para o municipio, entre as que sobresae a aposta decidida da Deputación de Lugo coa construción dun novo Centro de Atención a Maiores na Pobra do Brollón. "Esta infraestrutura será clave para garantir o benestar dos nosos maiores, ofrecendo atención de calidade e servizos esenciais para as familias do Concello".

Dende o PSdeG, amósanse convencidos de que o traballo conxunto e o diálogo coa veciñanza serán as claves para lograr os obxectivos marcados, e confían en que a nova Agrupación Socialista da Pobra do Brollón sexa un axente activo de cambio positivo, en consonancia coas políticas progresistas e comprometidas co benestar cidadán.

0.12457895278931