Comezan as obras de recuperación da Ponte Medieval do Castelo, en Quiroga

RibeiraSacraXa
Comezan as obras de recuperación da Ponte Medieval do Castelo, que forma parte do Camiño de Inverno, no concello de Quiroga
ponte do castelo quiroga2
3 Dec 2022

Veñen de iniciarse as obras de recuperación da ponte medieval do Castelo que forma parte do Camiño de Inverno e tamén da Ruta da Encomenda. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, acompañado do concelleiro de Xuventude e Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, achegouse ata esta infraestrutura que está sendo remodelada cunha axuda de máis de 32.000 euros do Plan de Sostibilidade da Ribeira Sacra do Consorcio de Turismo.

A ponte, situada no Camiño de Inverno (moi preto do Castelo dos Novais) sobre o rio Castelo das Eiras, aínda que presentaba un estado de conservación aceptable en canto á conformidade estrutural e morfolóxica -deteriorada polo paso do tempo-, perdeu a protección das beiras.

O pavimento presentaba deterioración polo que se reconstruirán  45 m2 de pavimento da ponte a base de canto rodado con morteiro en seco, respectando o existente. Esta é a parte na que se está traballando nestes momentos.

Polos vestixios aínda existentes sábese que  esta ponte de orixe medieval, tiña un peto de protección nas beiras (de  75 centímetros de alto e 50 centímetros de espesor) para evitar caer o baleiro,  realizado en cachotería a base de  lousa. Este muro de protección é o que se recuperará  respectando os vestixios existentes.

Rematarase a recuperación coa limpeza da pedra e a recuperación da contorna retirando vexetación invasiva do contorna da ponte e da propia obra.

A ponte que forma parte do camiño de entrada a Galicia seguindo o curso do río Sil dende tempos inmemoriais, hoxe Camiño de Inverno a Compostela, foi realizada con fábrica de xisto. Consta dun van e arco central dun solo punto, cunha altura de 8 metros.  ancho de 3.75 metros e unha lonxitude de máis de 15 metros.

Realizando actuacións de embelecemento como a recuperación desta ponte, catalogada como elemento protexido, téntase revalorizar os recursos turísticos existentes no municipio como instrumento de crecemento económico.

0.17733001708984