Comeza a XXIV Mostra de artesanía Artelemos con moita música en Monforte
O alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a XXIV Mostra de artesanía Artelemos 2024, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, polo concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a concelleira de Consumo, Regina López e o concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz. Na visita e inauguración, tamén estiveron presentes representantes da Corporación, entre outros, Emilio Sánchez, Manuel Luaces e José Luis Rodríguez.
Tras a inauguración, tivo lugar a actuación musical do Grupo Municipal de Gaitas e Danza do Concello de Monforte, e a comitiva de autoridades visitou os diferentes stands que compoñen a mostra.
Esta mostra celebrarase na rúa Cardenal de Monforte de Lemos dende hoxe luns 5 e ata o sábado 10 de agosto e convértese, como cada ano, na antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do Programa Cultural de Verán do Concello.
En Artelemos 2024 participan de 30 profesionais da artesanía, o mesmo número que o alcanzado en 2023, e que é o número máis alto de participantes dos últimos anos, procedentes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España.
Ao igual que en 2023, este ano o certame durará seis días, un día máis do habitual, pois nos últimos anos a duración era de cinco días, pero ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns o pasado ano, dende o Equipo de Goberno decidiuse manter esta ampliación dos días de celebración do mesmo.
O Concello aposta especialmente por unha Mostra de artesanía que o Equipo de Goberno recuperou no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos, e mostra delo é a ampliación, nun día máis, do calendario deste ano.
O horario durante os 6 días que durará a XXIII Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e pola tarde de 18.00 a 22.00 horas. Ademais, o programa inclúe demostracións, que se desenvolverán de 12.00 a 14.00 horas, e de 19.00 a 21.00 horas.