Chantada volverá acoller por terceiro ano o "Campionato Galego Absoluto e de Clubs de Karate"


O Concello de Chantada colabora un ano máis coa Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, e este 8 de febreiro a vila do Asma acollerá por terceiro ano consecutivo o "Campionato Galego Absoluto e de Clubs de Karate".
A competición comezará ás 9.00 horas no Pavillón Municipal de Chantada e seguirá pola tarde desde as 16:00 horas. Alí daranse cita 467 deportistas de máis de 156 equipos pertencentes a 28 clubs. A participación local corre a cargo do Chantada Karate Club, que presenta na competición a 8 deportistas e 3 equipos de categoría xuvenil. Tamén participará en kata e kumite individual sénior.
Así entre os/as deportistas, acompañantes, equipo de árbitros e de staff, ademais do público, máis dun milleiro de persoas ocuparán este sábado o Pavillón chantadino. O alcalde agradece a confianza da organización para acoller esta competición, “Para o Concello de Chantada é una honra acoller por terceiro ano consecutivo esta cita que trae a Chantada a centos de persoas apaixonadas do deporte, neste caso do karate que en Chantada ten grandes deportistas. Será tamén un día de moita ambientación na vila e iso sempre é benvido”, asegura Manuel Lorenzo Varela.
A competición deste 8 de febreiro en Chantada é clasificatoria para os Campionatos de España Absoluto e de Clubs. A entrada é de balde e tamén poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da plataforma web Karate Scoring.
