Chantada lembra ás vítimas da violencia de xénero
O Concello de Chantada lembrou esta mañá ás vítimas da violencia machisita con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora este luns, 25 de novembro.
Con este motivo, os membros do concello deron lectura a un manifesto no que reafirmaron a súa a posta e compromiso para erradicar a violencia contra as mulleres en todos os recunchos da sociedade:
"Conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as mulleres sendo conscientes da urxencia en conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo, deixe de ser estrutural na nosa sociedade.
Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario.
Como parte activa da sociedade, no Concello de Chantada, cremos necesario un esforzo colectivo para transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e accións negacionistas. Desgraciadamente e a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.
A condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente, no que ninguna muller sexa vítima desta violencia, teñen que reforzarse, dende o compromiso activo que poña fin a esas actitudes patriarcais.
1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foran, as súas parellas dende 2003. 40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Unha sociedade democrática e de Dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.
Non queremos esquecer as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Estas atrocidades deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación.
Todas as Administracións, temos que seguir a promover avances nesta loita, reforzando a protección e incidindo na prevención, promovendo máis coordinación para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral especializado e que cubra todas as súas necesidades".