Chantada estuda a posibilidade de implementar un polígono agroforestal coa Xunta
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela recibiu ao conselleiro do Medio Rural, José González, e á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nunha xuntanza na que o rexedor expuso as principais demandas e necesidades dos veciños deste municipio lugués relativas ao agro.
Así, falaron sobre a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría de porcino na parroquia de Sabadelle, polo que visitaron os posibles terreos do polígono e o conselleiro acordou co alcalde enviar técnicos da Axencia para estudar a viabilidade do mesmo e poder comezar cos traballos o antes posible
Neste senso, José González sinalou que a implantación deste tipo de polígonos -ferramenta que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- permite poñer en produción grandes áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadou, co paso do tempo, un estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal na zona.
O conselleiro lembrou que o seu departamento destina para o ano 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11 % máis ca en 2022. Deste montante, explicou, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.