Chantada acolle a xincana 'Rastrexando a igualdade por Chantada' con motivo do 8M

RibeiraSacraXa
O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, desenvolve durante este mes de marzo unha ampla programación de cara a celebración do 8M, Día Internacional da Muller.
8m Chantada
4 Mar 2024

O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, desenvolve durante este mes de marzo unha ampla programación de cara a celebración do 8M, Día Internacional da Muller.

Este venres, 1 de marzo, celebrouse no Auditorio Municipal de Chantada a II Mesa coloquio 8M co título Traballadoras Invisibles, na que media ducia de mulleres, amas de casa, coidadoras, gandeiras, agricultoras, limpadoras, cociñeiras... comentaron as súas experiencias de vida.

Durante a fin de semana o Concello de Chantada tamén colaborou no XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Lagrego Galego, que se celebrou na Galería Vilaseco Laboratorio Creativo de Chantada.

Para o venres, 8 de marzo, desde o CIM organízase a xincana, Rastrexando a igualdade por Chantada. A actividade contará coa participación do alumnado dos centros de ensino de Chantada, que percorrerán as rúas da vila, resolvendo as distintas probas.

A lectura do manifesto do 8M terá lugar ás 12.00 horas na Praza do Cantón e a concelleira deIgualdade, Pamela Fernández, encargarase da lectura: "Será un día importante coa nosa xuventude rastrexando a igualdade polas nosas rúas; xuntarnos todas despois no Cantón para a lectura do manifesto e dar mostra daimportancia de traballar xuntas desde a educación para conseguir unha sociedade realmente igualitaria”.

Con esa intención de centrar a atención na educación desde a infancia e a xuventude, a programación do 8M complétase con dúas sesións de contacontos. A primeira o propio 8M ás17.00 horas na Casa da Cultura con Bolboretas e o mércores, 20 de marzo, a Casa da Cultura acollerá ás 17.00 horas Elas, con Vero Rilo.

Tamén ao redor do 8M, a rúa na que está ubicado o CIM chámase “Rúa 8 de marzo” como homenaxe á muller e en reivindicación da igualdade real dedereitos e deberes.

0.18927001953125