Centos de persoas participaron da XX Feira Tradicional Outrora de Rubián
O Concello de Bóveda celebrou este domingo, 14 de xullo, a XX edición da Feira Tradicional Outrora de Rubián cun completo programa de actos ao longo de toda a xornada.
Desta maneira, centos de persoas achegáronse a desfrutar dos 35 postos de expositores artesáns, así como da música, a festa da escuma, os xogos tradicionais, a recreación dunha malla e isco no guizo.
Os datos que puido obter a organización falan dunha celebración cunha alta participación, como así o demostra que os postos da feira e os restaurantes da vila venderan máis 800 quilos de polbo.
Ademais, houbo unha exhibición de escultura con motoserra, o pasarrúas do Grupo de Gaitas Municipal de Bóveda, obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño da Fundación Artesanía de Galicia, concentración de vehículos clásicos, a actuación de ‘Amigos da Pandeireta’, demostración participativas nos postos de Artesanía de Galicia, o concerto da coral municipal de Bóveda, unha recreación etnográfica da malla, a actuación de ‘Xograres de Lemos’ e o tradicional Isco no guizo.
Tamén, o Concello de Bóveda instalou unha pantalla de televisión no espazo de celebración da Feira Outrora para ver a final do Mundial de Fútbol.
O balance, segundo explica o alcalde, José Manuel Arias, “non pode ser máis positivo. Coincidiu a Feira Outrora cunha das feiras mensuais e ademais foi en domingo, o que axudou a que a participación fora a máis elevada dos últimos anos”, precisa. “Recollemos datos das polbeiras instaladas nos postos da feira e dos restaurantes de Rubián e entre todos despacharon máis de 2.400 racións de polbo, o que demostra que a vixésima edición da Feira Outrora foi un éxito”, remarca.