CC.OO eleva unha queixa á Fegamp polo exame a Policía Local en Monforte
Comisións Obreiras súmase ás denuncias pola convocatoria simultánea das probas de acceso á Policía Local por parte do Concello de Monforte e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). De feito, o sindicato vén de elevar unha queixa ante Federación Galega de Municipios e Provincias por esta cuestión.
CC.OO. insta ao goberno local monfortino a modificar a data do exame, previsto para o vindeiro día 26 ás 10.00 horas, media hora antes do que convocou a AGASP en Silleda. Acusan ao Concello de "afán recaudatorio" e estiman que "non debería entorpecer e poñer dificultades no acceso ao emprego público ás persoas que fan un esforzo persoal, económico e familiar para preparar unha oposición pagando os correspondentes dereitos de exame".
O cambio na data do exame sería, para o sindicato, unha cuestión de "legalidade, ética e sensibilidade" xa que, do contrario, os máis de 300 aspirantes terán que optar por presentarse a unha proba ou a outra.
Dende fai dous anos, un convenio entre a Xunta e a Fegamp permite que os concellos que o desexen poidan centralizar as probas de acceso para o corpo das súas policías municipais na AGASP, con sede na Estrada (Pontevedra). Os exercicios da Axencia Galega de Seguridade foron convocados nunha orde publicada no DOG o pasado 20 de xaneiro, dúas semanas antes de que Monforte anunciase a súa convocatoria.