Caurel Vivo presentou unha proposta para mellorar o SAF do Courel
O voceiro do grupo de Caurel vivo, Óscar Carrete Lage, presentou no Pleno do Folgoso do Courel unha proposta para mellorar as condicións laborais das traballadores do SAF como do propio servizo no Courel, "un servizo moi necesario para a nosa poboación", defendeu.
Así, desde a agrupación din que "mellorar as condicións laborais do servizo, como garante tamén de que a mellora destas condicións repercuten na mellora da atención ós usuarios".
A proposta parte de "poñer en valor o traballo dos e das traballadoras" e que cando a traballadora social vaia á casa do usuario, sexa quen de informar dos traballos que realizará a auxiliar e os que non.
Por outra parte, piden que o Concello pague a formación ao persoal que o precise e que non perdan cursos por non solicitalos. Así, din que "debería solicitarse toda a formación posible, pola mellora da formación dos traballadores e tamén pola mellora de servizos ó usuario".
Tamén denuncian que aos traballadores do Concello non se lles dá roupa de abrigo e non teñen apoios mecánicos (grúas, sen camas articuladas, sen discos xiratorios, cadeiras de ducha, almofadas de xiro, etc.). "O Concello debería adquirir este material, para poder prestalo a quen o precise e mellorar así o servizo e protexer o persoal do SAF de lesións, xa que teñen que soportar moito peso o longo do día", argumentan.
Fan fincapé na comunicación entre os traballadores e a traballadora social para mellorar o servizo e propoñen facer reunións periódicas (dentro da xornada laboral) para abordar as posibles incidencias, melloras das distribucións das rutas, etc.
Outro problema ao que apuntan é o traslado entre usuarios, que "supón largas distancias e por estradas que están cada vez máis intransitables, polo que os 0.19 cts que se lle aboan por km ás traballadoras non cubre o combustible e desgaste do vehículo".
Peticións
Desde o Grupo Municipal de Caurel Vivo solicitan instar a Política Social da Xunta, Deputación e Concello de Folgoso do Courel a necesidade de adquirir camas articuladas, sillas ducha, discos xiratorios, grúas e almofadas de xiro para o SAF do Courel; dotar aos traballadores do SAF da posibilidade dunha formación á súa disposición e de maneira continua para mellorar o servizo e a formación; facer un regulamento municipal, onde se lle abone un plus mensual de 60 euros polo uso de vehículo propio; que se lles faciliten os EPIS necesarios.
Tamén piden que desde Traballo Social se coordine mellor o servizo, facendo reunións periódicas; que se axilice os tramites en situación de dependencia e que o SAF do Courel sexa un servizo "que non estea politizado, xa que é un dereito que ten a xente que así o precisa e deberíase mellorar tanto a calidade de vida dos cuidadores, coma dos usuario do servizo".