Brais das Hortas levará o seu 'Consertasso na horta' a Quiroga o domingo
Este domingo, 14 de xullo, a praza da rúa Lago de Quiroga acollerá o 'Consertasso na horta', con Brais das Hortas, un espectáculo que forma parte do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.
O evento, que comezará ás 21.00 horas, é unha animación infantil que engloba circo, danza, maxia, teatro e música; pero sobre todo música e humor para toda a familia.
O 'consertasso' defíneo Brais das Hortas como "grelos e temassos, cun equilibrio variado de formas e estilos nun ecosistema musical diverso e saudable. A Santa Compaña aparece entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran ao monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre las cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, como o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para dar sulfato. E máis temassos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis".