Aumenta o turismo no Concello de Chantada, segundo datos da oficina de Turismo
A Oficina de Turismo de Chantada despide a tempada de verán 2024 superando os bos datos da campaña pasada cun incremento do 1,3 %. No mes de xullo rexistráronse 959 visitantes, en agosto 1.284 e ata o 22 de setembro 613.
De ano en ano dáse unha subida constante e paulatina de viaxeiros que se achegan a coñecer o municipio atraídos polo emblemático casco histórico e o paseo fluvial da vila, as ribeiras do Miño e os seus paseos en barco, o Monte Faro ou os templos románicos, elementos que fan do municipio de Chantada visita obrigada nun achegamento ao territorio da Ribeira Sacra e da súa viticultura heroica.
A maioría dos visitantes deste verán procedían de Galicia, Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía; sendo o máis habitual as parellas de entre 50 e 60 anos e as familias con nenos.
Tamén se deu un incremento do turismo internacional que supuxo o 7,2 % dos visitantes, sendo un 24 % máis de turistas estranxeiros que no 2023.
Os visitantes do extranxeiro que pasaron pola Oficina de Turismo de Chantada durante a época estival chegaron maioritariamente de Canadá, EEUU, Reino Unido, Francia, Portugal, Italia e China.
Destaca tamén o protagonismo de Chantada no Camiño de Inverno: En xullo e agosto seláronse 346 credenciais, un 77 % máis que no ano pasado nesas datas; e en setembro seguiuse subindo. Detéctase tamén un considerable aumento de peregrinos que inician o Camiño de Inverno na vila, ao ter desde aquí os quilómetros necesarios para conseguir a Compostela.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca os recursos patrimoniais, paisaxísticos, enogastronómicos e culturais que ofrece o Concello de Chantada dentro da Ribeira Sacra e no Camiño de Inverno. “Cada vez coñécesenos máis e visítasenos durante todo o ano. En citas como a Feira do Viño, a Subida a Chantada ou o as Festas co Folión de Carros sempre contamos cun importante número de visitantes, nos últimos tempos estamos conseguindo que ademais deses visitantes, veña xente no resto do ano de maneira continuada. Persoas ás que se lles ofrece información e asesoramento turístico desde a Oficina de Turismo e na web e redes sociais que o Concello ten en marcha para difundir os atractivos que temos”.
A Oficina de Turismo de Chantada forma parte das instalacións da Casa da Cultura de Chantada, na Praza do Mercado. O horario de atención ao público, unha vez rematada a tempada de verán, é de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, de luns a venres e sábados de 10.00 a 14.00 horas.