As veciñas de Monforte xa poden desfrutar dun curso de autodefensa ante situacións violentas
Vense de presentar en Monforte un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas organizado polo Concello co gallo do 25N.
A concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, participou na primeira sesión do Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas que a Concellería de Muller e Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) ten programado dentro do conxunto de actividades que está levando a cabo nestas datas co gallo do 25N, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero.
A seguinte sesión, para a que non quedan xa prazas libres, levarase a cabo no Centro Cívico Social de 16.00 a 20.00 horas o próximo martes 29 de novembro.
O obxectivo deste curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero, estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.
O que se pretende é que sexan un instrumento de formación que comprenda un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións.
Non se quere ensinar a pelexar. A fin é poder escapar desas situacións ilesas ou co menor dano posible, para despois utilizar as vías legais de protección e denuncia.
As técnicas han de ser sinxelas, pero ao mesmo tempo efectivas para acadar o obxectivo que se pretende, que non é outro que o de fuxir. Amosarase como utilizar obxectos cotiás como as chaves, os móbiles ou os bolsos.
Trataranse aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e por suposto de prevención, xa que se entende que esta última é a que pode evitar nun momento determinado que chegue a producirse a agresión (recomendacións en portais, garaxes, vehículos ou na rúa).
Tamén se amosará material de defensa do que se dispón hoxe en día para a autoprotección.
Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Secretaría Xeral de Igualdade ofrece aos municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.