As rupturas matrimoniais aumentan un 5 % no primeiro trimestre do ano
Presentáronse 1.381 demandas de nulidade, divorcio e separación, fronte ás 1.311 de 2021. Por cada 100.000 habitantes, na comunidade contabilizáronse 51 rupturas e, no Estado, 53,3.
O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 1.381, fronte ás 1.311 que se rexistraron no mesmo período de 2021, o que supón un aumento do 5,3 %. No Estado mantivéronse en cifras moi similares
-apenas un 0,5 % menos- ás rexistradas hai un ano. Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2021, obsérvase que por cada 100.000 habitantes en Galicia contabilizáronse, no período estudado, 51 demandas, fronte ás 53,3 de media estatal.
Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, na comunidade aumentaron os divorcios consensuados (de 755 a 793, un 5 %) e os non consensuados (de 515 a 529, un 2,7 %). En relación coas separacións consensuadas, pasaron de 31 a 36 no primeiro trimestre do ano, mentres que as non consensuadas se duplicaron, ao pasar de 10 a 20. Neste período rexistráronse tres peticións de nulidade matrimonial.
Entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo iniciáronse 190 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 18,8 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 436 a 475, un 8,9 % máis.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 267 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 310 do primeiro trimestre de 2021, o que supón un descenso do 13,9 %; e 300 demandas de modificación de medidas non consensuadas (343 o ano pasado), o que representa unha baixada interanual do 12,5 %.