As propostas escénicas volven a Monforte coa obra 'Contos Arraianos' de Sarabela Teatro

RibeiraSacraXa
O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Goberno para o segundo semestre do ano 2023.
contos_arraianos_monforte_teatro
28 Nov 2023

O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Goberno para o segundo semestre do ano 2023. Este xoves 30 de novembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos 'Contos Arraianos', da compañía Sarabela Teatro.

A proposta, baixo a autoría de Xosé L. Méndez Ferrín, está dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e cun elenco artístico de Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago, Fernando González, Vadzim Yulnevich e Fina Calleja. É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

En Arraianos, Ferrín crea un novo mundo mítico, a Raia, con 10 relatos literarios dos que Sarabela Teatro transforma en escénicos dous: Medias azuis e Lobosandaus. Temas inquietantes, extraordinarios e fermosos. Universos ateigados de cadencia, fondura e emoción. Dunha beleza inmensa e ao tempo terrible e evocadora, Ferrín consegue reconciliarnos coa maxia da súa delirante maneira de describir o mundo.

A crítica di da prosa de Ferrín: engaiolante, poética, musical, vigorosa e tradicional, capaz de transportarnos a calquera momento ou universo e facernos parte da historia que pretende contar, sexa cal sexa. Grazas a ese estilo máxico, mergullámonos nas súas tramas coa suficiente ilusión como para deixarnos atrapar por cantas historias se nos ofrecen.

A seguinte obra programada polo Concello de Monforte, dirixida para público infantil e familiar, será The show moscón de Galitoon, que terá lugar o domingo 3 de decembro no Edificio Multiusos ás 18:00 h, sendo a entrada de 5 euros a xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

contos_arraianos_monforte
0.19267201423645