As primeiras xornadas de recuperación da memoria da lá foron todo un éxito en Miraz
Decenas de persoas participaron esta fin de semana nas primeiras xornadas de recuperación da memoria da lá ‘Dándolle unha volta á lá. Da ovella onde ti queiras’ organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel.
Durante dous días, houbo obradoiros prácticos para coñecer as técnicas de fiado, tinguido e feltrado da lá con outras accións vinculadas á preservación da memoria inmaterial no territorio, como é a visita a un antigo tear na aldea, ou a recreación dun fiadeiro a cargo das propias veciñas da contorna.
Ademais, as actividades, encadradas no Día da Muller Rural, quixeron poñer en valor a memoria inmaterial do territorio a través da recreación do proceso de transformación da lá e, como peche de actividades, presentouse o proxecto Cartografías Téxtiles, unha iniciativa promovida por un colectivo de docentes artistas e activistas que pretende dar voz ás comunidades e aos lugares a través de narrativas e técnicas téxtiles coma o bordado.
Esta iniciativa fala de historias sobre o lugar, de identidades, e problemas medioambientais e que como unha arañeira foise espallando da man deartistas, educadores sociais, educadores artísticos por diferentes comunidades do Brasil, México, Australia, África do Sur, Estados Unidos, Exipto, Arabia Saudita, Alemaña, Chipre, Namibia, España e Portugal.