As Festas Patronais de Chantada acollerán diversas actividades entre o 22 e o 27 de agosto

RibeiraSacraXa
Como actividades centrais destaca o Folión de Carros, o Certame de Bandas de Gaitas que este ano chega á súa XXXIII edición ou a Festa da Empanada
Festas-Chantada
4 Xul 2024

O Concello de Chantada adianta as actuacións musicais que protagonizarán as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme e que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto.

Como actividades centrais destaca o Folión de Carros que se celebra o 24 de agosto, o Certame de Bandas de Gaitas que este ano chega á súa XXXIII edición ou a Festa da Empanada na xornada na que rematan as Festas Patronais de Chantada.

Los Fabulosos Weekend abrirán os concertos nocturnos o 22 de agosto. Este singular conxunto músico‐vocal que conta con nomes de artistas de sona en Galicia como Chema Ríos, Alfonso Espiño, Gonzalo Sende ou o popular actor e cantante Manuel Manquiña, ofrece versións de temas de rock clásico e outros temas propios, destacando polo seu enérxico directo.

O rock dará paso o 23 de agosto ao Festival de DJ´s que se desenvolverá na Praza do Pavillón, con artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán.

“Levamos varios anos organizando este Festival e dámoslle continuidade porque funciona moi ben”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

O día 24 de agosto contarase co Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego, declarada tamén Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018. A Asociación Amigos do Folión organiza esta tradicional proposta na que colabora o Concello de Chantada: “O Folión é algo único, non hai outra actividade como esta en ningún lado e desde o Concello tentamos colaborar e coidar esta festa tradicional. Para o remate do Folión estabamos traendo música tradicional, pero este ano cambiamos o plantexamento e contaremos coa orquestra Tango”, explica Diéguez.

“Na programación musical das Festas deste ano haberá actuacións musicais para tódolos gustos e públicos, con especial protagonismo das orquestras, traendo a Chantada algunhas da máis importantes e históricas de Galicia como Los Satélites, Tango, Combo Dominicano ou o Grupo América de Vigo”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

Así o domingo, 25 de agosto, contarase coas actuacións de Los Satélites cunha longa traxectoria desde o 1938 e 13 discos ás súas costas e La Fórmula que con 17 artistas ofrecerá un show diferente nos concerto deste 2024. Nesta xornada celebrarase ademais o XXXIII Certame de Bandas de Música, que terá lugar na Praza do Cantón desde as 18.30 horas coa participación de dúas bandas convidadas e a anfitrioa.

O Combo Dominicano e Olympus serán os encargados de poñer a música ao luns, 26 de agosto, no que tamén se celebrará Festa Infantil e pola noite a sesión de Fogos Artificiais. E o día 27, último día das Festas Patronais de Chantada celebrarase a tradicional Festa da Empanada na que non faltará a ambientación musical de charangas e grupos de gaitas. Os concertos deste último día de festas correrán por conta do Grupo América e a orquestra Cinema.

Durante as Festas, os Cabezudos farán os seus desfiles polas rúas da vila saíndo desde a casa da cultura. As actuacións das orquestras alternaranse entre a Praza de Santa Ana e a rúa Xoán XXIII. Desde o Concello convídase á veciñanza a participar das diferentes propostas e agárdase que a climatoloxía acompañe.

“Organizamos estas Festas intentando traer o mellor e que repercuta económicamente no Concello. Unha programación pensada para todos os públicos na que seguimos confiado porque funciona. Polos datos que temos as Festas están sendo bastante multitudinarias e a xente pásao ben, dinamizando tamén a restauración e a hostalaría local. Se as festas son boas son boas para todos. Esperamos que o tempo nos acompañe porque a climatoloxía é importante para ter un bo balance das Festas”, asegura o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

0.19250798225403