Alentía Teatro representará 'A escada dos contos' este domingo en Monforte
O salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o domingo 12 de decembro ás 18:00 horas e dentro do “Ciclo Táboas cheas de emoción” do Circuíto de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo-Cultura Vicepresidencia, unha representación teatral para público infantil familiar con entrada libre e gratuíta, a cargo da compañía Alentía Teatro coa obra A escada dos contos.
A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, ás 17:00 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 17:45 h.
Sinopse
A escada dos contos é un compendio de historias que aborda con tenrura e humor problemas tan importantes como a igualdade de oportunidades entre os xéneros, o acoso escolar, a cultura da paz, o recoñecemento á sabedoría e á experiencia das persoas maiores, o valor instrumental da educación como ferramenta imprescindible no crecemento do ser humano...
Trátase dun espectáculo que reflexiona, en clave de humor, sobre a importancia de cultivar a autoestima, a mellor ferramenta para sortear obstáculos na vida.
Circuito Teatro Afeccionado
Na programación desta iniciativa colaboran a Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Curuxan (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), Alentía Teatro (Palas de Rei), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).
A seguinte e última obra do ciclo de teatro programado polo Concello de Monforte para estes últimos meses do ano, será Saga de Flin Havardr da compañía Trécola Monicreques, dirixida a público infantil e familiar, que terá lugar o martes 28 de decembro no Edificio Multiusos ás 18:00 horas. A obra forma parte do Circuíto de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo.