Adxudicada a reforma do servizo oncolóxico e a farmacia do Hospital de Monforte

RibeiraSacraXa
O hospital comarcal estreou este venres directora co anuncio do inicio destas obras, que contan cun investimento de 1,4 millóns de euros
hospital monforte
20 Feb 2021

A nova directora do distrito sanitario de Monforte, Inmaculada Ramos, estreouse este venres no posto co anuncio do inminente inicio das obras de reforma no hospital comarcal. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou, durante o acto de presentación da nova responsable da área sanitaria, que a primeira parte das obras xa está adxudicada, por un importe de 1,4 millóns de euros e un tempo estimado de execución de 6 meses. A actuación suporá a reforma do hospital de día oncohematolóxico e do hospital de día polivalente, así como a ampliación da área de farmacia.

Con este paso, o hospital de día oncolóxico e o hospital de día polivalente, que pasarán a situarse no segundo andar do centro, verán ampliada a súa superficie dos 160 metros cadrados actuais aos 337. Ademais dos servizos complementarios albergarán, entre os dous, 14 postos de tratamento, 3 locais de illados e 3 consultas médicas. Pola súa banda, o servizo de farmacia tamén verá aumentadas as súas dimensións, chegando a ocupar un espazo de ao redor duns 255 metros cadrados.

Tal e como referiu o conselleiro, con esta reforma, o Sergas dará "un salto cualitativo" na atención hospitalaria deste distrito, xa que representa unha mellora substancial en canto ás instalacións actuais. O que se pretende, salientou, "é gañar en funcionalidade, nunha mellor atención e asistencia ao paciente, e, ademais, dotar ao persoal de mellores instalacións e medios".

Unha vez que se proceda á sinatura do contrato, que será nos vindeiros días, segundo explicou o titular da carteira de Sanidade, estarase xa en disposición de iniciar a obra, que se levará a cabo sen que a actividade do centro se deteña, e garantindo que ningún paciente teña que desprazarase a outro hospital, dixo.

En canto á nova xerente, o conselleiro destacou que ten por diante "un dobre reto". Por un lado, "continuar consolidando a integración asistencial entre a atención primaria e a hospitalaria", e, por outro, "dirixir o proceso da reforma integral do edificio". Así mesmo, agradeceu ao antigo xerente, Iván Sanz, o labor desenvolvido nos últimos máis de tres anos.

REFORMA INTEGRAL

A actuación que se vai iniciar no hospital monfortino inclúese nunha iniciativa maior e global, que é a renovación integral do centro, e que permitirá reordenar, reformar e modernizar uns 10.000 metros cadrados, e que abarca á maioría dos servizos e áreas.

O conselleiro de Sanidade remarcou que, logo da adxudicación deste venres, os seguintes pasos serán a licitación do equipamento electromédico, precisamente de farmacia, para o que se prevé un investimento de preto de 200.000 euros; e o inicio da reforma das áreas de hospitalización.

conselleiro sanidade presentación directora hospital monforte

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18913197517395