Acondiciónanse diferentes puntos do municipio de Taboada na semana da Festa do Caldo dos Ósos
A brigada de obras e servizos do Concello de Taboada vén de realizar diferentes actuacións e traballos nas últimas datas para deixar os distintos puntos do municipio listos para acoller a Festa do Caldo dos Ósos.
Así, levaron a cabo a limpeza e acondicionamento viario en distintas zonas do pobo, así como arranxaron e acondicionaron camiños rurais e resolveron avarías provocadas pola auga nas rúas Conde de Taboada e Trapero Pardo.
Por outra banda, fixeron entubados de auga e cimentación dos mesmos para evitar novas fugas, limparon os sumideiros da vila e abriuse un camiño na ribeira para garantir mellores accesos aos propietarios.
Ademais, retiráronse árbores e limpáronse pólas en distintos lugares, desbrozaron varias pistas de acceso a ribeiras, nas parroquias de Castelo e Sobrecedo, e bacheáronse as rúas Boavista e Conde de Taboada, así como nas parroquias de Bouzoa e Cicillón.
Por último, retirouse o pantalán do Clube Náutico para traballos de mantemento, atendéronse avarías e incidencias varias e supervisáronse distintas obras a realizar en vindeiras datas.