Acción contra a Fame organiza a primeira xuntanza de comunidades de montes veciñais no Saviñao
O próximo 24 de abril terá lugar no Auditorio do Concello do Saviñao a primeira xuntanza sobre 'Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes' dentro do proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus e a Fundación MAPFRE.
Nesta primeira xuntanza, que terá lugar entre as 17.30 e as 20.00 horas analizarase en que punto nos atopamos fronte ao desenvolvemento das Comunidades de Montes da zona e todo o seu potencial. Presentaranse opcións para mellorar os recursos forestais, agrogandeiros, económicos e sostibles, así como as diversas alternativas para o seu desenvolvemento e posta en marcha.
Así, asistirán especialistas e casos de éxito como José Manuel Iglesias, da Comunidade de Montes O Carballo (Friol) e representante da empresa Tenzas; José E. Valcárcel, representate da Comunidade de Montes de Ousende; Felipe Castro, axente forestal; Daniel Canosa da Fundación Juana de Vega; Guillermo Díaz de Coureleando e Francisco J. Domínguez, resineiro e formador.
O obxectivo é chegar ao maior número de persoas que aposten polas Comunidades de Montes como vía decisiva na fixación de poboación e emprego/emprendemento para a dinamización e activación do sector en todo o territorio.
Se a acollida desta xuntanza é exitosa, será a primeira de moitas, onde se realizará un acompañamento efectivo aos plans de acción e intereses común que se detecten e requiran de dinamización.
Dende Acción contra a Fame animan a participar nesta xuntanza para apostar en común polo desenvolvemento sostible e aproveitamento dos recursos do territorio.