A Xunta presenta unha oferta diversa cultural en 40 concellos de Lugo este verán

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Abrangue espectáculos de teatro, música, maxia ou novo circo pensados para todos os públicos
presentacion-programa-cultural-lugo
Presentación programa cultural
7 Jul 2024

A Xunta de Galicia impulsa unha variada oferta cultural en máis de 40 concellos de Lugo a través do programa CulturON 2024, que se prolongará ata setembro e nos meses de xullo e agosto rexistrará unha media de sete actividades diarias na provincia.

O delegado territorial, Javier Arias, presentou na Delegación Territorial os detalles da programación para as próximas semanas, que abrangue espectáculos de teatro, música, maxia ou novo circo pensados para todos os públicos.

Arias destacou a aposta pola descentralización deste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con iniciativas en boa parte dos municipios da provincia e moi especialmente nas zonas rurais, en liña cos obxectivos da futura Rede Adival e da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia. Ademais, brinda ás industrias culturais galegas a oportunidade de amosar o seu traballo ao público en todo o territorio.

Inclúe proxectos propios da Administración autonómica ou en colaboracións con diferentes institucións e entidades privadas, de modo que a Xunta asume un papel proactivo na xeración de contidos para todo tipo de público, desde grandes eventos a outros de pequeno formato.

Deste xeito, organízanse actividades no marco de festivais como o Caudal Fest, o Resurrection Fest, o 17º Ribeira Sacra, Sacra Festival, o Agrocuir da Ulloa, o Bal y Gay na Mariña, ou o dos Eidos e o Filandón de Músicas do Courel. Tamén se promoven a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva en Chantada, ou a Semana do Teatro Afeccionado no Valadouro, así como eventos vinculados ás Feiras do Libro de Foz, Monforte de Lemos e Viveiro.

A propia Consellería ofrece no Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, os “Campamentos castrexos” para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, en varias quendas entre xullo e setembro; e na Biblioteca Provincial de Lugo, campamentos de ciencia, arte e cultura clásica, así como accións de dinamización da lectura.

Entre as accións impulsadas figuran ademais 50 funcións de teatro, máis de 40 concertos e actuacións musicais, 14 espectáculos de maxia e 11 de novo circo.

Cómpre destacar que o CulturON terá unha presenza continua nos medios de comunicación e en redes sociais cunha campaña destinada a informar á poboación sobre o programa, que tamén se pode consultar vía internet na Axenda de Cultura de Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18006610870361