A Xunta convoca as axudas para certames de gando bovino selecto

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publica a convocatoria para 2023 das axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto por importe de 200.000 euros.
acruga raza rubia galega vaca
30 Maio 2023

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria para 2023 das axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto por importe de 200.000 euros. Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de tal forma que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os concellos interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario.

O obxectivo destas axudas é fomentar a celebración de certames de gando selecto en diferentes puntos da xeografía galega, onde as ganderías participantes poidan expoñer os seus animais. O impulso desta actividade busca ser un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira.

Poderán acollerse a estas subvencións os concellos de Galicia que organicen certames de gando selecto e que cumpran unha serie de requisitos que se concretan na convocatoria. Entre eles figuran os de dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas e contar con medios técnicos e persoal para a celebración deste tipo de eventos. Ademais, deberán dispor da colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, que participarán no desenvolvemento do evento e asesorarán sobre as datas idóneas de celebración do certame.

O prazo para a presentación de solicitudes establécese en función da data de celebración dos certames. Así, para os celebrados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata hoxe, será dun mes a partir de mañá. Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde o prazo será dun mes a contar desde o día seguinte da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2023.

Enlace á orde no DOG:

0.19029498100281