A VI edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte acollerá moitas actividades
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer o Programa e Cartel oficial da sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará a primeira semana do mes de xullo, concretamente, do 5 ao 7 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
“O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, é unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”, sinalou José Tomé. Neste senso, o rexedor destacou o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en dúas con respecto á edición de 2023, participando neste ano 34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 5 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño, dende o ano 2017 cando se celebrou a primeira edición. Son 4 adegas máis que en 2023 e 7 adegas máis que en 2022.
“Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe, no Paseo do Malecón”. “Estou convencido” sinalou o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia non só no sur da provincia de Lugo, sino tamén en toda Galicia, e fora das nosas fronteiras, de feito, está en todo o mundo. Unha cita imprescindible destinada a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, da súa gastronomía, da súa tradición, e por suposto, do viño”.
Cartel oficial do Festival do Viño
No que se refire ao Cartel oficial do Festival, o Alcalde indicou que “este ano quixemos, seguindo coa liña de todos os anos, que nel o protagonista, ademais do viño, sexa a muller. Porque a muller incorpórase cada vez máis ó consumo de viño, sobre todo de viño branco. Polo que con este cartel, queremos que as mulleres se animen a probar tamén os viños tintos”.
Por iso, no cartel na figura feminina o color tinto do viño está tamén nos seus beizos e no seu vestido.
"Do mesmo xeito, decidimos manter unha gama de cores consistente con anos anteriores para axudar aos nosos veciños a recoñecer rapidamente a imaxe do festival", explicou.
Polo tanto, o cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte desta edición representa o consumo de viño como elemento de ocio e glamour, tamén para as mulleres, incorporando un estilo novo e fresco cunha ilustración plana e sinxela que nos achega a un público máis novo con ganas de coñecer o universo do viño.
Montaxe e deseño dos stands do Festival
En canto á montaxe e deseño dos stands, continúa a liña de edicións anteriores, pero modifícase o seu deseño gráfico, sempre conservando a esencia do Festival: madeira en cor natural, tons violetas e granates, e empregando elementos máis contemporáneos, como o aceiro en determinadas estruturas, coa incorporación de pequenos xardíns verticais que o converte nun Festival de elite dentro dos eventos do viño.
A novidade deste ano será a colocación dun pórtico de entrada ó Festival, que tamén servirá de photocall e vaille dar máis empaque á entrada no recinto. "Teremos, como na edición anterior, unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ao Palco Inaugural para que o visitante que se achegue poida pasear polo espazo do Malecón máis comodamente".
Ao longo do Festival haberá diferentes tótems informativos co programa de actividades para que o visitante poda seguir cada unha das actividades nos diferentes horarios.
As adegas
As 34 Adegas participantes nesta sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte son: A Man de Prado, Abadía da Cova, Adega Carqueixa, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Cardenal R. de Castro, Castrofiz, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Finca Cuarta, Finca Míllara, Galanteiro, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Os Cipreses, Pazo de la Cuesta, Petrón, Peza do Rei, Ponte da Boga, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Santa Mª de Nogueira, Tear, Tolo do Xisto, Vía Romana e Viña Vella.
Nove das adegas participantes nesta edición acoden por primeira vez a este Festival, e non participan 5 que estiveron na edición anterior, por problemas de axenda. As novas son Adega Carqueixa, Bodegas Sta Mª de Nogueira, Castrofiz, Alouviño, Cardenal Rodrigo de Castro, Pazo de la Cuesta, Os Cipreses, Regina Viarum e Vía Romana.
Ademais, o Festival contará cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Este ano auméntase o número de stands e diversificase a súa oferta. Serán un total de 12 participantes nesta edición, con respecto ós 11 da edición anterior, repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.
Os integrantes desta zona gastronómica serán Queso negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Embutidos Valentina, Xamóns D. Francisco, Xamóns Robert, Helados Xeou, Panadería Fernández, Panadería La Luna, Restaurante Aquelarre, Restaurante El Hórreo, Restaurante Galicia e Tres Fuciños Porco Celta.
Inauguración e programa musical
As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 5 e 6 de xullo.
O venres 5 de xullo, terá lugar a inauguración oficial, que abrirá coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ás 20.30 horas. Tras ela, ás 20.45 horas, terán lugar as intervencións institucionais do alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e do pregoeiro, que este ano será Antonio Lombardía Crespo, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que xa participou noutras edicións deste Festival, difunde e prestixia a gaita como instrumento senlleiro nacional de Galicia, levando o espírito do noso pobo a tódolos currunchos do planeta.
Ese mesmo día ás 23.00 horas, tocarán os Gin Toni’s, banda divertida, apaixonada e elegante que cada noite logra unha conexión incrible co público dos seus concertos.
O sábado 6 de xullo ás 23.00 horas será a quenda dun grupo monfortino de referencia, Malenne, que cada vez está acadando maiores éxitos grazas ó seu directo espectacular.
Talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra e Masterclass
Nesta edición o Equipo de Goberno ideou dous obradoiros de cata con diferente perfil.
O sábado 6 de xullo, de 11.30 a 13.00 horas, terá lugar o obradoiro práctico e sensorial 'Enológo por un día na Ribeira Sacra', a cargo de Iván Olmedo, membro da Asociación Galega de Enólogos.
O domingo 7 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial 'Descobre… Suelos Ribeira Sacra: Pizarra vs. Granito', a cargo de David Pascual, enólogo e presidente da Asociación Galega de Enólogos.
Debido ó grande éxito de participación que tivo o ano pasado a Masterclass, este ano ampliase a dúas sesións, que estarán impartidas por Isabel Lozano e Roberto Gándara da Asociación de Sumilleres de Galicia.
Ambas sesións serán en horario de 13.30 a 15.00 horas: O sábado 6 de xullo terá lugar a masterclass titulada 'Viños do Vello Mundo que recordan a Ribeira Sacra', e o domingo 7, 'Terriña: suelo, clima, variedades e elaboración na Ribeira Sacra'.
Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 30 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.
Programa infantil
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís, pois este é un Festival dirixido ás familias, nos que os nenos tamén teñen presencia neste Festival. Para elo, acondicionarase unha zona á beira do río Cabe para que os máis cativos podan desfrutar de diferentes obradoiros.
O sábado 6, de 12.30 a 13.30 horas, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure, e de 19.30 a 20.30 horas haberá Títeres a cargo da compañía Tarabelos.
O domingo 7, de 12.30 a 14.00 horas haberá un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus, e de 19.30 a 20.30 horas un Showcooking impartido por Velaísca Animación.
Viñorutas polo Sil e o Miño
O Executivo de José Tomé segue apostando polas Vinorutas. As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse ós que se anoten nelas ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. "Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa viticultura heroica".
Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus cun guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.
A Vinoruta do Sil, Quads pola Ribeira do Sil terá lugar o sábado 6 de xullo, con saída ás 9.30 horas, e consistirá en facer unha ruta de medio día en Quad. Cada quad ten 2 prazas e iremos acompañados por un monitor en todo momento. Visitaranse miradoiros sobre o Canón do Sil, achegarase ó Lago de Rosende, baixarase á Fervenza de Portizó e terán lugar visitas guiadas a dúas adegas dentro da D.O. do Viño Ribeira Sacra, a adega Malcavada en Rosende e a adega A Man de Prado en Bolmente. Esta Vinoruta ten un prezo de 55 euros por persoa.
O domingo 7 de xullo, a Vinoruta do Miño, 'Coñecendo a Ribeira do Miño en Zodiac', permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:45 h., comezará coa visita á adega Abadía da Cova no Cabo do Mundo. A continuación irase á praia da Cova para facer un percorrido en zodiac e ver os viñedos en terrazas desta Viticultura de Montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura. A continuación desembarcarase na fermosa vila de Belesar para ir á adega Vía Romana e degustar os seus viños. Esta Vinoruta ten un prezo de 40 euros por persoa.
Promoción do Festival do Viño
José Tomé salientou a importante promoción publicitaria que levará a cabo o Concello de Monforte. “Agora que xa fixemos público o cartel e o programa oficiais, axiña comezaremos xa a difundilos para conseguir darlle a máxima visibilidade á celebración do Festival do Viño que vai acoller a nosa cidade nos primeiros días do mes de xullo”.
O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”.
Deste xeito, o Concello fará unha promoción en toda Galicia a través dos carteis que serán colocados nas distintas cidades e pobos, no reparto dos programas en todas as oficinas de turismo, nos medios de prensa escrita a nivel provincial e de Galicia, en medios radiofónicos, en redes sociais en todo o mundo.
“Se o tempo nos acompaña”, subliñou o rexedor, “estamos seguros de que esta edición do Festival do Viño, atraerá a miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, que nos axudarán a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio".
“En definitiva, queremos promocionar o viño, a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fora a que disfruten eses días en Monforte dun Festival do Viño único, estou seguro de que non se sentirán defraudados".
Finalmente, o alcalde anunciou que este mércores 12 de xuño, ás 20.30 horas, celebrarase unha reunión no Salón de Plenos do Concello coas adegas inscritas, onde se fará o sorteo dos stands e se lle explicarán todos os pormenores deste Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.