A Torre da Homenaxe de Monforte iluminarase de cor verde polo alzhéimer
Como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas con alzhéimer, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa este sábado, 21 de setembro, procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor verde con motivo do Día Mundial do Alzheimer.
“Dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de verde a Torre da Homenaxe, pois é unha enfermidade que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. O alzhéimer non só impacta a quen o padece, senón tamén ás súas familias e coidadores e, por extensión, ao conxunto da sociedade”, destaca o rexedor.
Con motivo de este día, a Confederación Española de Alzheimer y Otras Demencias (CEAFA), lanzan a Campaña 'Concellos Solidarios co Alzheimer', proxecto ó que ó Concello de Monforte se adheriu no seu momento, a través do cal edificios e monumentos de toda España seiluminarán de cor verde co fin de mostrar o compromiso na loita contra esta enfermidade e de aumentar a sensibilización e concienciación da sociedade en relación á mesma. E do mesmo xeito, con este xesto simbólico amosarase o apoio dos concellos a quen loita contra esta enfermidade. O lema escollido para a campaña deste ano é 'Somos específic@s'.
“A cor verde”, indica o rexedor monfortino, “é un símbolo de esperanza e solidariedade na loita contra o alzheimer. Ao iluminar o Concello de verde enviaremos unha mensaxe de apoio e solidariedade a todas as persoas afectadas por esta enfermidade, así como aos seus familiares e coidadores. Ademais, promoveremos a concienciación sobre a importancia da investigación, o diagnóstico precoz e o apoio ás persoas afectadas polo alzhéimer”.