A terceira edición do ‘Camiño Creativo’ promoverá o emprendemento e a difusión da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A iniciativa celebrarase durante a Semana Santa, do 13 ao 23 de abril, e os participantes percorrerán os 133,4 quilómetros que separan Monforte e Santiago
Presentación do Camiño Creativo 2025
Presentación do Camiño Creativo 2025
4 Feb 2025

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este martes na presentación da terceira edición do Camiño Creativo, que este ano impulsará o emprendemento e a difusión da Ribeira Sacra. A iniciativa, que conta cunha achega da institución provincial de 10.000 euros, celebrarase durante os días 13 e 23 de abril coincidindo coa celebración da Semana Santa.

Os 20 emprendedores seleccionados desenvolverán a súa idea de negocio ao tempo que percorren os 133,4 quilómetros do Camiño de Inverno entre Monforte de Lemos e Santiago de Compostela. Unha iniciativa que, segundo explicou García Porto, “mestura de xeito xenuíno o emprendemento e a paisaxe; a innovación e o talento; a cultura e o turismo”.

Centrada no Camiño de Inverno, a ruta está, en palabras da Deputada, “marcada polo espectáculo do Canón do Sil, no corazón da Ribeira Sacra”. Unha Ribeira Sacra que no 2026 será candidata a Patrimonio da Humanidade. “O recoñecemento da UNESCO, estamos convencidos desde a Deputación de Lugo, viría a impulsar este territorio e o seu enorme potencial turístico”, argumentou García Porto, ao tempo que reafirmou o compromiso da institución provincial coa candidatura, baseada no poder transformador da auga.

“Combinar a formación e o networking coa experiencia persoal nun entorno inspirador beneficiará, non só ós 20 emprendedores que se animen a formar parte desta iniciativa, tamén servirá de promoción do territorio e do Camiño de Inverno”, sinalou a Deputada, que animou á participación nesta iniciativa, que abriu a convocatoria en xaneiro e a manterá aberta ata o 28 de febreiro.

0.15803408622742