A Ribeira Sacra guímara poderá coñecerse esta Semana Santa a través dunhas visitas guiadas gratuítas

RibeiraSacraXa
O Concello da Pobra do Brollón organiza para esta Semana Santa un ciclo de visitas guiadas para coñecer a Ribeira Sacra guímara do sábado 23 ao domingo 31 de marzo, que, ademais, se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’, todas na parroquia de Vilachá de Salvadur.
20 Mar 2024

O Concello da Pobra do Brollón organiza para esta Semana Santa un ciclo de visitas guiadas para coñecer a Ribeira Sacra guímara do sábado 23 ao domingo 31 de marzo, que, ademais, se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’, todas na parroquia de Vilachá de Salvadur.

Dentro do programa de visitas guiadas, totalmente gratuítas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico dos Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. Foi nos Conventos, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das terrazas vinícolas da ribeira.

A outra visita guiada é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona.

Experiencias vitivinícolas

Ademais, as visitas guiadas son combinables con unha, ou dúas, experiencias vitivinícolas. As experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de viño.

Por un lado, coincidindo co comezo da tempada de furanchos, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Consiste nun paseo pola aldea de Trasmonte que acaba cun viño de Pedro na súa adega-furancho.

Por outro lado, desenvolverase a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas medievais e coñecer por dentro unha delas para probar o viño.

Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño é preciso un mínimo de 5 persoas e é necesario ter vehículo propio. Para máis información e reservas as persoas interesadas deben contactar a través do teléfono 650 624 828.

0.19870805740356