A provincia prepárase para celebrar o 8M con manifestacións en varios puntos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Secretaría das Mulleres da CIG presentou a campaña Stop Precariedade.
8m dia da muller presentacion
27 Feb 2024

A Secretaría das Mulleres da CIG presentou a campaña Stop Precariedade. Traballo digno e igualdade, arredor da que conmemorará este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Unha precariedade que se constata no Informe sobre a Situación sociolaboral das mulleres en Galiza. Ano 2023, no que, segundo a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, se confirma que “desde o inicio da nosa vida laboral até a xubilación, padecemos toda unha serie de desigualdades que non teñen causas obxectivas baseadas no desempeño do noso traballo, senón no feito de sermos mulleres”.

Foi Natividade López Gromaz, responsable do Gabinete de Economía da CIG quen debullou polo miúdo a situación, partindo de que “nin un maior nivel de formación, nin as sucesivas reformas laborais implementadas nos últimos tempos, conseguen tan sequera reducir esta situación”.

O Informe compara a situación actual coa de 2021, antes de que se aplicara a última reforma laboral, para medir o efecto desta na situación sociolaboral das mulleres. Así constátase que en 2023, o 70,1% das mulleres tiñan un contrato indefinido -sumando todos os tipos de xornada-, fronte ao 81,8% dos homes, 11,7 puntos de diferenza, mentres que en 2021 era de 9,7 puntos.

Do mesmo xeito, a taxa de temporalidade das mulleres afiliadas á S.S. é do 29,9%, mentres que no caso dos homes é do 18,2%. Ademais, tendo en conta unicamente os contratos indefinidos a tempo completo, só o 45,3% das mulleres de alta no réxime xeral tiñan esta modalidade de contrato en 2023, fronte ao 70,6% dos homes, 25,3 puntos de diferenza. “En 2021 a diferenza era de 21,3 puntos, polo que se incrementou a fenda en 4 puntos”, subliñou López Gromaz.

No caso dos contratos indefinidos a tempo parcial, que tiñan o 15,8% das mulleres en 2021, aumentaron en 2023 até o 20%, 4,2 puntos porcentuais por riba. No caso dos homes, pasaron do 5,6% en 2021 ao 7,9% en 2023. Unha evolución que tamén neste caso agrandou a diferenza até os 12 puntos, cando en 2021 era de 10,2. E xunto a isto, a economista da CIG apuntou que o 60% dos contratos fixos-descontinuos están asinados por mulleres. “Se a estes sumamos os temporais temos que o peso das mulleres é 2,5 veces superior ao dos homes”, dixo.

Fenda salarial

O menor incremento dos ingresos das mulleres respecto dos homes, ao longo do ano 2022, elevou a fenda de xénero nunha décima, pasando do 18,6% ao 18,7%. En termos absolutos, a diferenza de ingresos medios brutos ano era de 4.238 euros en 2021, e aumentou até os 4.519 euros en 2022, a maior desde a pandemia. Unha situación que leva a López Gromaz a concluír que “o aumento da contratación indefinida non reduciu a precariedade laboral e aumentou a fenda entre mulleres e homes, debido a que entre as mulleres medrou máis a contratación indefinida a xornadas non completas que no caso dos homes, entre os que medrou máis a contratación indefinida a tempo completo”.

As mulleres son tamén maioría nos tramos de menores ingresos. De feito, en 2022, “preto de 100.000 mulleres tiveron uns ingresos medios brutos anuais inferiores a 3.012 euros e outras 108.931 non acadaron os 10.712 euros brutos anuais”.

Segundo o informe, a fenda salarial é maior nas actividades máis feminizadas, que se corresponden co sector Servizos. Nas ramas deste sector, exceptuando “servizos sociais”, onde están incluídas actividades como sanidade e educación, con maior presenza do sector público e de persoal funcionario -a fenda salarial é do 16,8%-. Porén, en “Servizos ás empresas”, “Outros servizos persoais e de lecer” e “Entidades financeiras e aseguradoras”, a fenda supera o 23,6%.

Cómpre ter en conta que o 75,7% das persoas asalariadas a xornada parcial en Galiza son mulleres, pero non porque queiran, senón porque non atopan a tempo completo ou porque teñen que responsabilizarse dos coidados de menores ou dependentes.

Isto, xunto coa reforma das pensións, ten consecuencias á hora da xubilación e eleva a fenda de xénero das pensións, no ano 2023, ao 33,6%.

Stop Precariedade. Traballo digno e igualdade

Diante desta situación a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou que a reforma laboral de 2021 “aínda agravou máis a fenda salarial de xénero”; que os traballos temporais e parciais “seguen sendo desempeñados maioritariamente por mulleres” e que “os plans de igualdade aínda non están sendo a ferramenta útil para conseguir a igualdade e deter os abusos que se cometen coas traballadoras”.

Subliñou que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado non viu acompañada dun cambio de modelo social “en que o coidado á familia e persoas dependentes sexa asumido polas institucións públicas e sexa repartido de forma equitativa entre as persoas adultas sen importar o xénero” e reivindicou unha “revalorización dos traballos de coidados e servizos públicos de coidados accesíbeis a todas as persoas”.

Castro chamou ademais a participar nas concentracións convocadas pola CIG “a todas as traballadoras, as que desempeñan un traballo remunerado, as que se encontran no desemprego e tamén as que dan de balde o seu traballo na crianza e mantemento das condicións de vida da familia dando soporte á reprodución da vida”.

Salientou a “eclosión” na conflitividade laboral protagonizada por traballadoras de diferentes sectores: traballadoras do SAF, das residencias de persoas maiores, de centros de menores, da saúde, de educación infantil ou do comercio e, nomeadamente a loita das traballadoras da limpeza de Lugo. Conflitividade laboral que, ao seu entender dá conta de que “as traballadoras na Galiza xa non aturamos ser seres humanos de segunda, que exiximos condicións de traballo e salarios dignos, xubilación digna, facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral e servizos públicos de calidade”.

Mobilizacións 8M

Na xornada do 8 de Marzo a secretaría das Mulleres ten previstas mobilizacións, ás 11:30 horas, na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo. Ás 12:00 horas en Ourense e nas vilas das Pontes, ás 12:30 horas; Burela, ás 11:00 horas e A Guarda, Candas e Vilagarcía ás 11:30.

Xunto a estas, Nicolasa Castro chamou a participar nas mobilizacións do feminismo galego, nomeadamente nas convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18125200271606