A presentación dos equipos do Club Calasancio estivo marcada por unha homenaxe ao alcalde de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi homenaxeado polo Club Calasancio, a través do seu presidente, Juan Carlos Díaz, quen lle fixo entrega dunha réplica dos Escolapios en agradecemento pola axuda institucional e a implicación do mandatario municipal co Club nos últimos anos. Así, Díaz sostivo que foi “por ser parte das importantes melloras realizadas nas instalacións deportivas do Calasancio”.
Do mesmo xeito, o Club Calasancio destacou nesta homenaxe “que o Alcalde, José Tomé Roca, é sempre receptivo ás nosas necesidades, e é o principal artífice das importantes melloras realizadas nas nosas instalacións deportivas”.
Precisamente, o acto de homenaxe ao alcalde tivo lugar no campo de fútbol do citado clube, cuxo terreo de xogo foi mellorado sensiblemente o pasado ano polo Concello de Monforte, a través dun importante proxecto que supuxo a substitución do céspede do campo sintético do Colexio dos Escolapios, por un novo céspede de nova xeración, cun investimento de arredor de 190.000 euros, que foi axuda canalizada a través do Consello Superior de Deportes, logo das xestións levadas a cabo polo alcalde.
Máis actuacións do Concello
Ademais do proxecto referido de instalación de céspede de última xeración no campo do Calasancio, o Concello tamén colaborou en melloras como a construción de vestiarios no pavillón do Colexio, e concedeu axudas económicas que, en catro anos duplicaron as que percibían ata 2015.
Neste senso, o Alcalde recordou que nos últimos anos, o Concello leva investido máis de 700.000€ en mellorar os campos de fútbol de Monforte (o do Calasancio, os dos Luis Bodegas, e o da Pinguela), e tamén destacou o investimento na mellora integral do Pavillón da Pinguela, con máis de 3,7 millóns de euros de investimento, unha obra que está a piques de finalizar.
O Concello tamén colabora co Calasancio nos diferentes torneos organizados polo Club, así como no Campus que organiza co Deportivo da Coruña cada verán.
O acto tamén serviu para que se presentaran as diferentes categorías do Club Calasancio, concretamente foron presentados 18 equipos, incluíndo un de alevíns de nenas, e os correspondentes equipos de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís.