A Pobra do Brollón ofrece unha xornada sobre a equidade como proposta de valor
A Pobra do Brollón acolle unha xornada sobre a equidade como proposta de valor das entidades de economía social como asociacións ou cooperativas. A actividade, organizada por REAS Galicia, será o vindeiro 27 de outubro de 11.00 a 17.30 horas na nave multiusos de Salcedo.
Está dirixida a persoas e entidades da ESS afíns ao ámbito de traballo en igualdade, servizos sociais, economía dos coidados ou lideradas por mulleres; a socias de REAS Galicia e a persoas ou entidades vinculadas ao sectores produtivos locais e ecolóxicos.
Os interesados en participar nestas xornadas guiadas pola Cidadanía Coop e Adela Vázquez, poden realizar a súa inscrición ou solicitar máis información a través do correo reasgalicia@reasnet.com.
Programa
Así, ás 11.00 horas comezará a xornada a través dunha sesión teórica na que se explicará que é REAS Galicia, que significa a equidade e farase un diagnóstico participativo, ata ás 13.30 horas.
Despois do descanso, ás 15.00 horas volverá a sesión teórica, neste caso da man da Asociación Veciñal de Salcedo para coñecer a súa experiencia e, logo, levarase a cabo un espazo de co-creacion dun receitario de ValoESS.