A Pobra do Brollón acolle a proxección inaugural do Ciclo Mestre Mateo no municipio

RibeiraSacraXa
Terá lugar a proxección da película 'Fatum', un dos filmes de ficción finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo
Casa-da-Cultura-Olga-Novo-A-Pobra-do-Brollón
9 Out 2024

Este venres, 11 de outubro, terá lugar a proxección inaugural do Ciclo Mestre Mateo na Pobra do Brollón, co pase da película 'Fatum', un dos filmes de ficción finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo. A cita terá lugar no Casa da Cultura ‘Olga Novo’ ás 20.15 horas.

Trátase dun thriller de acción dirixido por Juan Galiñanes e protagonizada por Álex García e Luis Tosar, quen interpreta a un adicto ao xogo que se ve envolto nun atraco a unha casa de apostas.

'Fatum' foi finalista en cinco categorías dos Mestre Mateo: Mellor longametraxe, interpretación masculina protagonista, dirección, montaxe e vestiario.

A programación do Ciclo Mestre Mateo está composta por outras nove proxeccións que terán lugar entre outubro e decembro na Pobra do Brollón. Serán tres longametraxes de ficción, incluída a gañadora O Corno, ademais dos finalistas Matria e Salta!; catro documentais (o gañador Os espazos en branco, xunto con A nave das Marías, A viaxe de Lucy, e Chichi e mais eu) e nove curtametraxes repartidas en dúas sesións. As datas das proxeccións pódense consultar nas redes sociais e páxina web do Concello da Pobra do Brollón.

O Ciclo Mestre Mateo é impulsado pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pobra do Brollón, co obxectivo de levar o mellor cine galego actual a novos públicos.

0.062419891357422