A Pobra do Brollón acolle a iniciativa As Cores do Outono
O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón, cumpre dez anos con concertos de Mercedes Peón e Maricarme, unha alborada-vermú e un obradoiro de baile con Xisco Feijoó.
As Cores do Outono é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
Dende a organización detallan que nesta décima edición se busca "homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no post-franquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme".
"Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos, cos que tamén deslocalizamos o festival coa actividade en Canedo", comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
Programación completa
Na parroquia de Canedo, aproveitando que están en festas, arranca a programación a partir das 11.00 horas cunha alborada-vermú con Xisco Feijoó, na que interpretará pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira.
Anímase a que os asistentes leven instrumentos para participar da alborada. O mesmo Xisco Feijoó dará o sábado pola tarde un obradoiro de baile tradicional. Será ás 18.00 horas na Praza da Condesa, no núcleo histórico da Pobra do Brollón. Durará dúas horas, comezando por iniciación e rematando con perfeccionamento. As persoas interesadas deben anotarse no teléfono 650 624 828, xa que as prazas son limitadas.
O sábado á noite serán os concertos, comezando ás 21.00 horas con Maricarme, formación que xunta tres recoñecidas caras do panorama musical galega: Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. O resultado é un folk orixinal e poderoso que mestura voz, instrumentos e sonoridades máis electrónicas, dende a tradición oral ás composicións propias e moi bailables.
A música continúa co espectáculo Ingrávida, no que Mercedes Peón festexa os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Será unha festa musical a cabalo do acústico e da electrónica na que homenaxea a creación colectiva. Peón estará acompañada no escenario por unha grande elenco de mulleres artistas: As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.
Ademais, con motivo da exposición 'Fuxan os Ventos. 50 anos de historia' que está a percorrer Galicia, na 10ª edición de As Cores do Outono contarase cunha charla e proxección fotográfica arredor deste grupo fundamental na historia da música galega. Será o venres 27 ás 20.00 horas na Casa da Cultura Olga Novo e participarán varios integrantes de Fuxan os Ventos ademais de moitas sorpresas musicais.