A Pobra de Trives pon en marcha a iniciativa MercaTrives para fomentar o comercio de produtos locais

RibeiraSacraXa
A plataforma constitúe un escaparate online para os comercios de proximidade, multiplicando as súas posibilidades de venda e outorgándolle visibilidade
Presentación de MercaTrives
Presentación de MercaTrives
19 Dec 2024

O Concello de A Pobra de Trives pon en marcha unha plataforma dixital comercial, MercaTrives, para impulsar a economía local e fomentar a venda de produtos da localidade. A nova canle dixital conta con comerciantes, produtores e artesáns do municipio, que xa venden os seus produtos dun xeito áxil e accesible neste espazo online.

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, explicou que este proxecto “busca impulsar a economía local, promovendo o coñecemento dos produtos de proximidade de Trives, que destacan pola súa elevada calidade e que, por tanto, teñen un gran potencial para fidelizar consumidores”. Deste xeito, o marketplace de Trives, exercerá de reclamo para os consumidores e contribuirá a asentar poboación e paliar o efecto do despoboamento que padecen as áreas rurais.

Unha iniciativa de dinamización rural

O goberno local pretende a través desta iniciativa, financiada con Fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dinamizar a economía local e impulsar a dixitalizacións dos comercios e dos produtores locais. “Desde o Executivo queremos apoiar a estes comerciantes e artesáns na transformación dixital que requiren os tempos actuais”, sinala a rexedora.

A plataforma xa está dispoñible en liña para que as persoas usuarias poidan acceder a toda a información dos produtos da localidade desde calquera lugar e tamén poidan adquirilos. Así, MercaTrives aspira a converterse nun referente na comarca.

Bicas, panes artesanais, roupa, tratamentos de beleza, ata incluso menús de locais de hostalería, numerosos comercios locais de Trives xa teñen presenza online para ofrecer os seus servizos e vender os seus produtos. Esta plataforma dixital impulsada polo Concello de Pobra de Trives conta con distintas categorías de venda: alimentación, librería, fogar, moda, hostalería, servizos e automoción.

⚙ Configurar cookies
0.71930813789368