A miña mochila

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
8 Dec 2023

Noelia Castro Yáñez

Eu son Noelia. Unha nena da aldea. Coma quen di, unha ninguén. E ademais, pobre. Así daría comezo a miña novela imaxinaria e autobiográfica que tería escrito de pícara. Engadiría aquelo de que os sucesos e personaxes retratados no libro son completamente ficticios, ou non. Que calquera parecido con persoas reais, vivas e/ou mortas, ou con feitos reais é mera casualidade, malia estar baseado en feitos reais, tanxibles, palpables e clarividentes. Porque malia ser unha cativa, ou nena, porque cativa só é a fame, era lúcida e espelida. Esa perspicacia levaríame a explicalo ao comezo, para que os poucos que a lesen do meu entorno non se desen por protagonistas. Porque a miña afección preferida daquela era doerme da xente, pero tamén rirme dela, porque son neta de quen son.

Agora parece que só teño a primeira, pero estou traballando firmemente en recuperar a segunda. Eu, coma Balbino, vivo nun tempo que non me pertence como xa teño escrito nestas liñas, e o que agora é frustración debera convertelo en humor. Porque hai moita xente que non ten remedio, e como me acertou a dicir a miña psicóloga, ti estás aquí sentada por culpa de moita xente que endexamais vai a pasar por esta consulta. E aí radica o principal problema que temos agora mesmo as persoas autoesixentes e perfeccionistas nun mundo que anda a correr, que non afonda mais ca no superfluo, que banaliza os valores que nos transmitiron os mais vellos e sube a Instagram as vacacións en Cancún pero non conta que leva mais dun mes sen falar coa súa avoa, porque iso non ten boa acollida.

Realmente, nos vídeos de xente axudando a persoas sen recursos, canto hai de verdade? Ou canto é da imaxe que quero proxectar? Desexo fondamente que moito de realidade, pero nas ocasións nas que eu fun protagonista, só sentín miradas de desprezo mesturado con medo. “Ese gasta todo canto pide en tabaco e en cervexas”. Señora, pode que teña unha enfermidade e sexa adicto, non digo eu que non, pero eu cando me acerquei preguntarlle díxome que lle daba igual o que lle comprase, pero que non facía falla que o xamón fose do ibérico, que lle gustaba igual o de marca branca. Esa foi a miña realidade, e imaxino que a de moitos. Teño ao meu arredor a unha morea de adolescentes aos que trato por todos os medios de convencer de que o que ven acotío, só é un 1% da vida dalguén. E que alguén que vexa as miñas, seguramente pensará que son orfa e solitaria, cando teño moita xente que me acompaña a diario pero non forma parte disto, ben por idade ou ben por convicción.

Di B. en cada día da nai que pasa, que moitos dos textos que acompañan ás fotos de nais e fillas, que nin sequera deben lelos antes de copialos directamente dalgunha páxina de frases bonitas de Pinterest. Eu nunca lle adiquei ningunha, pero dubido que alguén lle queira tanto coma min, mais xa sei seguro que é imposible. E de H. pensarán que segue coa súa ex, porque son as fotos que aparecen en FB, e eu non saio en ningunha. Da miña curmá pequena pensarán que leva vida de influencer porque só sobe fotos cando vai a saír de festa pero non cando queda a estudar ata as tantas. Pero hai vida mais alá diso. E non somos o que ensinamos, somos o que facemos cando ninguén nos grava, ou mellor dito, cando ninguén nos mira.

0.1357250213623