A marcha ciclista 'Santa Cruz Bike' será este domingo
O Club Ciclista Ribeira Sacra e a Biciracing organizan a marcha ciclista de bicicleta de montaña ‘Santa Cruz Bike 2023’ que se vai celebrar o día 3 de setembro.
Nesta edición, o Concello de Sober e a Comisión de Festas de Santa Cruz de Brosmos, Calambuco, Spiuk e Adega Don Bernardino tamén colaboran no desenvolvemento do evento.
A marcha, que non se celebra desde o ano 2015, percorrerá preto de 40 quilómetros polo Concello de Sober nunha ruta circular que partirá de Santa Cruz de Brosmos ás 09.30 horas. Tras un percorrido polo municipio, volverá ao mesmo punto de saída arredor das dúas e media da tarde. Trátase dun circuíto pechado que atravesará zonas de viñas e espazos de gran valor paisaxístico.
Así, habilitarase unha zona de limpeza de bicicletas, duchas e acampada para as persoas que participen, que poderán ser ata 150 persoas maiores de idade tras o pago das taxas de 15 euros. Os menores de idade maiores de 15 anos deben poñerse en contacto coa organización para participar e as inscricións poden facerse a través do correo electrónico biciracing@gmail.com ou no teléfono 622 32 04 51.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, invita aos amantes das bicicletas a participar nesta marcha que na súa última edición cubriu todas as prazas e nas que poderás gozar “dunhas vistas únicas do noso Concello”.