A iluminación de Nadal de Monforte fará uso de máis de 900.000 luces LED

RibeiraSacraXa
O alumeado de Nadal de Monforte fará uso de máis de 900.000 luces LED para o que o Concello destina unha inversión de 52.000 euros
luces nadal
28 Nov 2022

O alcalde de Monforte dá a coñecer o dispositivo de iluminación de Nadal que o Concello está a instalar nas rúas do municipio e salienta que “este ano superamos as 900.000 luces LED e isto supón que proporcionalmente superamos a Vigo en número de luces por habitante, que toca a 37 luces, mentres que na nosa cidade tocamos a 48 luces LED por monfortino”.

Para a iluminación de Nadal da cidade, o Concello destina unha inversión de 52.000 euros, o que “suporá a maior inversión en alumeado de Nadal na historia de Monforte, cun incremento en relación co ano anterior de 2.000 euros, o que representa un 4% de aumento”, subliña o alcalde.

“O noso obxectivo con esta importante inversión no alumeado da cidade”, destaca o rexedor monfortino, “é dinamizar o Nadal en Monforte e animar ós monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que desfruten da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería”.

O alumeado será acendido este venres día 2 de decembro ás 18.30 horas e apagarase o domingo día 8 de xaneiro, permanecendo en servizo 38 días, o mesmo número que en 2021. Para contribuír co aforro enerxético, reducirase o horario de acendido: se no ano 2021 era de 18.30 a 3 da madrugada, este ano 2022, será de 18.30 a 1 da madrugada.

Principais novidades

Unha das principais novidades anunciadas polo alcalde será a iluminación da Torre da Homenaxe, na que a través de proxectores exteriores, levarase a cabo 4 proxeccións distintas, unha en cada cara da Torre.

Tamén se estenderá a iluminación a 4 novas rúas, sendo un total de 64 rúas, un 6% máis que en 2021, as que conten con arcos. En concreto, as novas rúas con iluminación serán a rúa Blanco Amor (terá dous arcos), Praza do Conde (contará con un), rúa do Conde á altura do edificio Espinosa (tamén terá un) e San Lázaro (contará con tres arcos).

Haberá un novo cono central na rúa do Cardenal, a modo de árbore de Nadal, de 17 metros de alto por 6 metros de diámetro, e na Praza de España haberá un Paquete regalo.

En ambos casos, contarán con paso interior “para que a xente poida facerse fotos no seu interior e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte”.

Máis de 900.000 luces LED

José Tomé salientou que este ano o Concello alcanza as 900.000 de luces LED para a iluminación de Nadal, e resaltou diversos aspectos sobre a mesma.

“O cableado necesario para a instalación da iluminación de Nadal é de 12.000 metros de cable trenzado. Distribuíndo as luces por cada elemento luminoso, segundo os datos facilitados pola empresa que instalou as luces. A suma total ascende a 886.300 luces LED pero se se suman as luces das proxeccións da Torre da Homenaxe, as dos arcos de saúdos de Bo Nadal que hai ás entradas da cidade e as da Casa Consistorial, supéranse as 900.000 luces LED”, destaca o rexedor.

0.20117497444153