A II Mesa coloquio 8M 'Traballadoras invisibles' terá lugar este venres en Chantada
O Concello de Chantada organiza este venres, 1 de marzo ás 20.00 horas a II Mesa coloquio 8M Traballadoras Invisibles no Auditorio Municipal do municipio co gallo do Día da Muller o 8 de marzo.
Esta xornada nace co obxectivo de presentar ao público un colectivo formado por mulleres que son coidadoras, limpadoras, agricultoras, gandeiras e amas de casa e realizan múltiples tarefas fóra e dentro do seu fogar.
"A pesar da súa relevancia, estes traballos, vinculados maioritariamente á figura feminina, seguen pasando desapercibidos para a sociedade actual, xa que semellan invisibles a moitas miradas", explican os organizadores.
Coa reunión deste grupo de mulleres, quérese expoñer un diálogo en forma de debate, aberto e participativo onde cada unha delas manifeste as súas inquedanzas, facilidades e dificultades profesionais e persoais derivadas do seu traballo diario.