A I Festa Interxeracional do Concello de Chantada foi "un éxito total"

RibeiraSacraXa
"O vindeiro ano igual a plantexamos para o último sábado de xuño”, sinala o alcalde, Manuel Lorenzo Varela
Festa-Interxeracional-de-Chantada
Festa-Interxeracional-de-Chantada
9 Xul 2024

O pavillón do colexio Eloísa Rivadulla acolleu este domingo a I Festa Interxeracional do Concello de Chantada, na que participaron arredor de 350 persoas.

A festa, que vén a dar continuidade á Festa da Terceira Idade que deixou de celebrarse coa pandemia, amplíase abrindo a proposta a toda a familia: “Un éxito total, moitos maiores viñeron acompañados de fillos e netos, achegándose á festa familias da vila e das aldeas. O vindeiro ano igual a plantexamos para o último sábado de xuño”, sinala o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

A concelleira de Servizos Sociais e Benestar, María Cándida Carnero, asegura que o obxectivo é "darlle unha data fixa á celebración para que a xente saiba de ano en ano en que data se celebra a festa. A xente, cando se viña inscribir, aseguraba estar contenta de poder participar dunha festa á que acode todo o mundo. Todas as persoas que participaron marcharon encantadas, moitos dicían que había que facer este tipo de celebración todos os meses. Queremos buscar unha data que a xente teña fixa todos os anos para esta celebración”.

A Festa Interxeracional comezaba ás 13.00 horas coa misa solemne seguida de cóctel de benvida e xantar popular, para rematar con sesión de baile que se prolongaría ata case as 21.00 horas.

Durante a celebración sorteáronse tres fins de semana no Balneario Iberik Augas Santas e tamén agasallos cedidos por empresas locais que colaboraron coa celebración: Adegas Amedo, Adegas e Viñedos Vía Romana, Adega Os Cripreses, Adega Albarduxe, Adega Sabatelius, Adegas Condado de Sequeiras, Adega Pilares de Belesar, Adega Castrofiz, Alouviño, Xoiaría Ángel, Grupo Perlada, miDetergente, Eroski, Gadis e Distribucións Calambuco. Todos os participantes recibiron tamén obsequios doados polo GDR Miño-Ulla (abanos e chaveiros).

“Para a organización deste tipo de actos que concentran a tanta xente é fundamental a participación de moitas persoas. Desde o Concello queremos agradecer a implicación do persoal do Concello e do CEIP Eloísa Rivadulla. Felicitar aos responsables da comida e dos pinchos cunha sesión vermú que nos adiantaba unha festa prometedora na que non faltou a música. Para o vindeiro ano seguiremos con este tipo de actividades que pretenden homenaxear ás familias e sobre todo ao papel que desenvolven nos núcleos familiares as/os nosas/os maiores”, conclúe Manuel Lorenzo Varela.

Ademais do alcalde e da concelleira de Servizos Sociais, tamén participaron da I Festa Interxeracional do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, Innovación e Desenvolvemento; Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns, Infraestruturas Urbanas e Emprego e Juan Alberto Diéguez, concelleiro de Infraestruturas Rurais, Industrias Forestais e Patrimonio.

0.09441089630127