A gala da 11ª edición dos Martín Códax celébrase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acolleron a festa de finalistas dos 11º Premios Martín Códax da Música, na que foron nomeándose as corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final da edición 2024, tras a votación do xurado profesional.
PREMIOS MARTÍN CÓDAX 2024
7 May 2024

As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acolleron a festa de finalistas dos 11º Premios Martín Códax da Música, na que foron nomeándose as corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final da edición 2024, tras a votación do xurado profesional.

Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas seleccionados na categoría máis nova dos premios, a de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía.

Así, cincuenta e sete proxectos recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación. A partir do 25 de abril e ata o 12 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como gran novidade desta 11ª edición, o público xeral.

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, co apoio e colaboración das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra. Asistiron ao acto representantes das institucións patrocinadoras entre os que se atopaban o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, o concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez e a tenente alcalde Eva Villaverde.

Desde Músicas ao Vivo salientouse na festa o carácter non competitivo dos premios, cuxo obxectivo é achegar á cidadanía o gran potencial do sector e estreitar os vínculos entre artistas e bandas, e agradeceuse efusivamente a participación de máis de catrocentos proxectos nesta edición 2024.

Os premiados

Na categoría de Blues, Funk e Soul os tres finalistas 2024 son Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático e Martins Aneiros Band; na de Folk, Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane e De Ninghures, mentres que en Músicas do Mundo e Mestizaxe as propostas finalistas son Catuxa Salom, Raposa e Woyza & The Galician Messengers.

Tres das voces femininas máis recoñecidas no sector resultaron seleccionadas en Canción de Autor/a: Guadi Galego, A Pedreira (proxecto de Ugia Pedreira) e Antía Muíño, que en 2022 acadaba o Premio á Artista Emerxente na edición na que se instaurou este recoñecemento.

No caso das Músicas Urbanas son Ash Diz, hydn e C Miranzo os proxectos finalistas desta décimo primeira edición; na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena foron seleccionados América de Vigo, Burgas Big Band e Orquesta Charleston.

A categoría Metal e Heavy estará representada na gala de entrega dos premios por Youcanthide, Her Anxiety e Rymer; a de Bandas de Música Popular ten como finalistas a Agrupación Musical de Goián, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Música Unión de Guláns, e en Música Tradicional son Malvela, Mediarea e Os Melidaos os candidatos tras a votación do xurado profesional.

A Música Infantil tamén goza de categoría nos Martín Códax e este ano son finalistas A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, e Pakolas; en Música Clásica e Contemporánea os seleccionados son Fabio Álvarez, Carme López e Juan Eiras; en Electrónica, categoría en crecemento nos últimos anos con vinte e sete proxectos inscritos en 2024, Mondra, Lontreira e Grande Amore, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, e Diego Alonso. As últimas categorías musicais desveladas o mércores 24 foron Rock e Punk, con Moloch, Terbutalina e Mad Martin Trío, e Pop e Indie con The Rapants, Lucía Aldao e Måi.

Os finalistas dos Premios Organistrum na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión son Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez e a Revista Rebelico; en Festivais, Galegote, EmigraSON (o festival promovido pola comunidade galega en Bruxelas) e As Nosas Músicas de Couso, e en Salas, as tres seleccionadas son Mardi Gras (A Coruña), A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e A Arca da Noe (Vilar de Santos).

Leria, Mondra e Gloria Pavia son os tres proxectos artísticos seleccionados na categoría extraordinaria de Artista Emerxente, establecida en 2022 e na que ata o momento foron galardoados a cantante Antía Muíño (2022) e o pianista Sergio de Miguel (2023). Para poder participar nesta categoría os proxectos non deben levar en activo máis de 3 anos, non te editado máis de un disco e non ser un proxecto premiado nin finalista en edicións anteriores dos Premios.

A Festa de Finalistas contou coa intervención do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue López, e da presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia. Allegue López reseñou na súa intervención o apoio á cultura “como parte da identidade das bodegas” e desexou “que a música siga sendo a voz da nosa cultura”.

A presidenta de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, subliñou a estupenda participación nos mesmos, con máis de 430 proxectos inscritos, e convidou ao público xeral a formar parte dos galardóns participando nas votacións que se abren do 25 de abril ao 12 de maio a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal.

O público pode votar a través dun sistema de puntos, terá que facelo nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50 % corresponderá á votación do público e o outro 50 % aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.

A gala desta 11ª edición dos Martín Códax celébrase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto, que estivo na festa de finalistas nas Bodegas e prometeu “unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1523129940033