A Federación de Veciños 'Lucus Augusti' solidarízase coa situación dos veciños de Parteme
A Federación de Veciños de Lugo 'Lucus Augusti' mostra a súa solidariedade coa situación que están a vivir os veciños de Parteme, en Quiroga.
"Queremos manifestar e expoñer a actitude de arrogancia, desprezo e prepotencia coa que o alcalde de Quiroga está a tratar aos nosos compañeiros de Parteme (Quiroga)", comezaron a súa carta.
"Máis de 20 escritos sen contestar presentados ao alcalde de Quiroga polos veciños da parroquia constatan a actitude absolutista, escura, ditatorial, etc. dun alcalde, que nin sequera contesta os requirimentos do Valedor do Pobo", denuncian.
Así, argumentan que os veciños de Parteme "só pretenden que o seu alcalde, o que debería ser o alcalde de todos, os escoite e procure mellorar os seus servizos e a súa calidade de vida".
Unha situación que se repite
Por outra parte, explican que esta situación non só pasa cos veciños de Parteme, "son varias as asociacións de veciños da contorna e do Concello de Quiroga as que se están poñendo en contacto connosco, para confirmarnos a realidade que nos parágrafos anteriores poñemos de manifesto, a actitude dun alcalde, o de Quiroga que non escoita aos seus veciños, nin os ten en conta".
Desde a Federación de Veciños de Lugo 'Lucus Augusti' califican ao alcalde de Quiroga como un "ditador" que "non goberna para todos" e explican que os veciños de Parteme piden "transparencia nas xestións, piden e ofrecen colaboración e piden racionalizar os recursos públicos, investíndoos adecuadamente".
A pesar disto, argumentan, "o único que reciben é o desprezo dun alcalde que non está a altura dos seus veciños", polo que sosteñen que apoiarán aos compañeiros de Parteme e colaborarán con eles nas accións que deseñen na procura dos seus obxectivos.
Por último, piden ao alcalde "diálogo, xestión compartida, goberno para todos, sen exclusión e sen represalias".