A exposición fotográfica 'Fauna Esencial' estará na Pobra de Trives ata o 29 de agosto

RibeiraSacraXa
A mostra está na Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor, onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e os sábados e festivos en horario de 11.00 a 14.00 h.
camara-fotografia
Imaxe de arquivo
28 Xul 2024

A Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor da Pobra de Trives acolle a exposición de fotografías de gran formato Fauna esencial, un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Cuntis, ABANCA e Afundación. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa asistencia da alcaldesa do Concello de Pobra de Trives, Patricia Domínguez; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense e Lugo, Mateo Alonso; e o subdirector da oficina de ABANCA de Pobra de Trives, Pablo Calderón.

A mostra xa está aberta ao público na Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor, onde se poderá visitar ata o día 29 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e os sábados e festivos en horario de 11.00 a 14.00 h.

Esta exposición é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Tamén se enmarca no programa social «Cultura por alimentos», organizado en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.

A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.

A exposición Fauna esencial é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.

Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.

0.17898988723755