A exposición do traballo fotográfico de Juan e Javier Nuevo foi inaugurada como unha homenaxe

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a exposición que o Concello organizou sobre o traballo fotográfico de Juan e Javier Nuevo, que foron unha referencia no retrato social e de época durante gran parte do século XX na cidade, rexentando durante anos o establecemento de fotografía Foto Nuevo.
Monforte exposición fotografía Javier Nuevo
24 Feb 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou a exposición que o Concello organizou sobre o traballo fotográfico de Juan e Javier Nuevo, que foron unha referencia no retrato social e de época durante gran parte do século XX na cidade, rexentando durante anos o establecemento de fotografía Foto Nuevo.

No acto inaugural, o alcalde estivo acompañado polas fillas de Javier Nuevo, María Carmen e Isabel Nuevo Núñez, coas que o executivo de José Tomé levou a cabo as xestións necesarias para que esta exposición fora posible. Tamén estiveron a tenente de alcalde, Gloria Prada, xunto cos concelleiros de Cultura, Marina Doutón, Servizos, José Luis Losada, Deportes, José Manuel Mougán, Muller e Igualdade, Margarita López, e Consumo, Regina López.

Na súa intervención, o rexedor agradeceu “ás fillas de Javier Nuevo, María del Carmen e Isabel Nuevo Núñez, a cesión gratuíta deste material de valor histórico, que enriquece a historia de Monforte e que nos permite botar unha ollada ó noso pasado e descubrir a esencia do que hoxe somos como monfortinos e monfortinas".

Ademais, explicou, que con esta exposición, "quixemos facer unha sentida homenaxe aos que foron dous fotógrafos de referencia na nosa cidade no pasado século XX, e polo resultado, creo que merece a pena”.

O labor dos Nuevo

Estes fotógrafos realizaron, dende os anos 20 ata os anos 80 do século XX, unha gran e variada cantidade de instantáneas que constitúen unha magnífica documentación fotográfica, da cal se pode ollar dende hoxe unha mostra selecta nesta exposición. Fotografaban directamente á sociedade e a súa contorna, os acontecementos sociais e humanos, capturando o que eles, como fotógrafos, vían de maneira artística.

“Juan e Javier Nuevo foron un referente no retrato social. Estamos seguros de que poucas casas monfortinas non conservan algunha fotografía familiar ou un retrato de Foto Nuevo”, salienta o alcalde.

Antes da intervención do Alcalde e da inauguración da exposición, procedeuse á sinatura oficial da cesión do referido material fotográfico por parte de José Tomé e de María Carmen e Isabel Nuevo Núñez e o acto rematou cunha visita guiada pola exposición.

A exposición Foto Nuevo. Unha ollada cara ao pasado

A cesión levada a cabo por María del Carmen e Isabel Nuevo Núñez inclúe 276 fotografías dixitalizadas, 19 placas de grafía en negativo de cristal, 179 negativos fotográficos de diferentes tamaños e 2 carretes fotográficos revelados con 60 negativos, cun total de máis de 500 fotografías.

Esta exposición sobre o material fotográfico cedido está composta por máis de 60 fotografías en distintos tamaños, que abordarán fundamentalmente 4 temáticas: rúas e monumentos de Monforte, fotografías de sociedade, relixiosas, e instantáneas utilizadas para elaborar postais.

“Son series fotográficas”, destaca Tomé, “que constitúen estampas do quefacer diario dos barrios, das rúas e dos monumentos de Monforte de gran parte do pasado século XX”. Destacan, neste aspecto, as fotografías do Colexio de Nosa Señora da Antiga, do Conxunto monumental de San Vicente do Pino, da Ponte Vella ou do río Cabe.

José Tomé “anima tanto aos monfortinos e monfortinas, como aquelas persoas que nos visiten dende hoxe e ata o vindeiro 20 de marzo en que permanecerá aberta esta exposición, a que acudan a visitala e a mergullarse nela, porque so coñecendo e apreciando o noso pasado, seremos capaces de construír o noso futuro”.

0.16658616065979