A Deputación destina 800.000 euros á mellora de estradas provinciais en 7 concellos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Acordou licitar o acondicionamento de tres vías que discorren polos municipios de Barreiros e Pantón e adxudicou catro obras para mellorar estradas nos municipios de Paradela, Baralla, Láncara, Sarria e Vilalba
Xunta-de-Goberno-estradas-provincias
26 Xul 2024

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou novos investimentos por un total de 800.000 euros para realizar obras de acondicionamento e mellora en sete estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Barreiros, Pantón, Paradela, Baralla, Láncara, Sarria e Vilalba. Concretamente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, avanzou que “seguindo na liña de mellorar a mobilidade no conxunto da provincia, hoxe aprobamos sacar a licitación por algo máis de 400.000 euros o arranxo de tres vías en Barreiros e Pantón”.

No caso de Barreiros, mellorarase algo máis de dous quilómetros da vía LU-P-0611, que vai dende o Barrio Novo ata a Praia de Coto, e as obras realizaranse desde o inicio da estrada cun orzamento de preto de 225.00 euros. Neste proxecto, que conta cun prazo de execución de dous meses, inclúese a reapertura de cunetas, drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Rivera Capón destacou a importancia desta estrada provincial porque parte da N-634, “é dicir, da estrada xeral, ao pé do tanatorio, e remata na praia de Coto na vía que vertebra a costa. É unha das vías máis transitadas para acudir ás praias e que soporta un elevado número de tráfico, sobre todo nos meses de verán”.

No caso de Pantón, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellora de dúas estradas cun orzamento conxunto de preto de 177.300 euros. Trátase da LU-P-4107, que une Segade coa aldea de Marce, e o arranxo realizarase dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,5 cun orzamento de 100.000 euros; e destinaranse case 78.000 euros á mellora da LU-P-4106, que vai desde a zona do Carme ata O Curro para acondicionar algo máis de 6 quilómetros desde o inicio desta vía. Nos dous casos, as obras consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e a repavimentación do firme.

O prazo de execución é de dous meses. Rivera Capón informou que “na Xunta de Goberno deste venres tamén aprobamos a adxudicación por preto de 400.000 euros para a mellora de catro vías que afectan aos municipios de Paradela, Baralla, Láncara, Sarria e Vilalba”. Nesta liña, o Deputado salientou o “gran esforzo investidor que realizamos desde a institución provincial para manter e mellorar a nosa rede viaria que, con máis de 4.200 quilómetros de lonxitude é a máis extensa de todas as Deputacións de España”.

En concreto, acordouse a adxudicación, por máis de 90.000€, á empresa Construcciones Carballeira SL, das obras de mellora da LU-P-5709 de Paradela, a estrada que conecta a parroquia de Santa María coa de Castro de Rei de Lemos. O proxecto afecta ao tramo comprendido entre o quilómetro 10,7 e o 13,8, e consiste na reapertura de cunetas, na reparación dos afundimentos e outros desperfectos da vía, na pavimentación e na reposición da sinalización vertical. O prazo de execución é dun mes.

Baralla, Láncara e Sarria

Adxudicada tamén á empresa Grupo Bascuas 2008 por un importe que supera os 110.000 euros o acondicionamento da LU-P-0503, que une Baralla e Láncara, e as obras afectarán á práctica totalidade da vía, concretamente ata o punto quilómetro 10,5. Consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos e na pavimentación. O prazo de execución é dun mes e medio.

En Sarria, adxudicouse a esta mesma empresa (Grupo Bascuas 2008) a mellora da LU-P-5713, que vai desde Sarria ata a parroquia de Piñeira, cun investimento de 101.335€. Este proxecto inclúe a renovación do treito que vai desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,8. O prazo de execución é dun mes e levarase a cabo a reapertura de cunetas, labores de drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical.

Por último, no municipio de Vilalba, adxudicouse á empresa Cholo SL por algo máis de 76.000 euros o arranxo dun tramo comprendido entre os quilómetros 0 e 4,3 da LU-P-6516, a vía que une Piño con Rilleira por Outeiro. O prazo de execución desta actuación é dun mes e medio e realizarase a reapertura de cunetas, labores de drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical.

0.37748789787292