A Deputación aproba investimentos por máis de 800.000 euros para cinco estradas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno acordou licitar o acondicionamento de novos tramos na LU-P-2901 de Lugo a Palas, na LU-P-1701 de Feira do Monte a Muimenta e na LU-P-4201 de Paradela ao Saviñao; adxudicar outra obra na LU-P-4003 de Coence a Santa Mariña, en Antas de Ulla; e declarar de emerxencia o arranxo da LU-P-5702, en Sarria.
5 Abr 2024

A Xunta de Goberno acordou licitar o acondicionamento de novos tramos na LU-P-2901 de Lugo a Palas, na LU-P-1701 de Feira do Monte a Muimenta e na LU-P-4201 de Paradela ao Saviñao; adxudicar outra obra na LU-P-4003 de Coence a Santa Mariña, en Antas de Ulla; e declarar de emerxencia o arranxo da LU-P-5702, en Sarria.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento que supera os 800.000 euros para acometer obras de mellora en cinco estradas provinciais ao seu paso por oito concellos: Guntín, Friol, Palas de Rei, Cospeito, Paradela, O Saviñao, Antas de Ulla e Sarria. Así o informou a voceira socialista, Pilar García Porto, despois da reunión semanal do Executivo.

“Continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial que, con 4.217 quilómetros de lonxitude, é a máis extensa de todas as Deputacións de España e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia”, sinalou García Porto, quen engadiu que o Executivo autonómico conta cun orzamento 115 veces superior o da institución provincial, con 13.257M€ fronte aos 116M€ da Deputación.

Explicou a Deputada que a Xunta de Goberno aprobou a licitación de obras de mellora en tres estradas:

- Na LU-P-2901, que conecta Lugo, polo Burgo, con Palas de Rei, mellorarase un tramo de case 3 quilómetros, ao seu paso polos concellos de Guntín, Friol e Palas, cun orzamento de 277.000 euros. O proxecto afecta ao tramo do quilómetro 18,445 ao 21,370, e consiste na reapertura de cunetas, tarefas de limpeza e drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e a sinalización vertical. O prazo de execución é de dous meses unha vez iniciadas as obras.

“Este novo investimento na estrada provincial de Lugo a Palas de Rei súmase ó máis de un millón de euros que xa destinou a Deputación a esta mesma vía a través de distintos proxectos ó longo do último mandato”, explicou García Porto, quen sinalou que desta forma “cumprimos coa palabra dada polo Presidente desta institución de renovar completamente esta estrada tan importante, , que beneficia de xeito directo ós veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei”.

- Na LU-P-1701, que comunica Feira do Monte con Muimenta, en Cospeito, a Deputación licita obras por 290.000 euros. Un proxecto que afecta aos seis primeiros quilómetros e que consistirá na limpeza das marxes, drenaxe, estendido de aglomerado en quente e o pintado da vía. O prazo de execución é de dous meses.

- Na LU-P-4201, que dá servizo aos concellos de Paradela e O Saviñao, mellorarase o treito que vai do quilómetro 8 ao 11,850 cun orzamento de 145.000 euros. Os traballos consistirán no acondicionamento do firme, a reapertura de cunetas, e a repavimentación de zonas degradadas. O prazo de execución é de dous meses.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar por máis de 82.500 euros unha obra para a rehabilitación do firme da estrada LU-P-4003, que une os núcleos de Coence e Santa Mariña por Chorexe, no concello de Antas de Ulla. Afectará ao tramo entre o punto quilométrico 4,4 e 5,5 e consistirá na limpeza dos laterais, o estendido de aglomerado en quente e a sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas. A adxudicataria é Ovisa Pavimentos y Obras SLU, que aumentou o prazo de garantía en 3 anos e reduciu o prazo de execución da actuación en 15 días, quedando finalmente en mes e medio unha vez iniciada.

No que ten que ver coas estradas, a Xunta de Goberno acordou tamén declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas das últimas semanas no punto quilométrico 1,6 da estrada LU-P-5702, de Pedrafita a Vilanova de San Vicente por Sabadelle o seu paso polo concello de Sarria.

“Esta decisión permitiranos actuar de forma máis rápida e eficiente para repoñer o estado da vía porque será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Construcciones Leonardo Miguélez, a que se encargará dos traballos”, relatou García Porto, quen sinalou que o orzamento estimado é de preto de 69.000€.

Servizo de Teleasistencia

A Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato por preto de 410.000 euros para a prestación do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo. Un servizo a través do cal a institución provincial garante atención domiciliaria gratuíta as 24 horas, os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia que teñen dificultades na súa autonomía.

Esta prestación, que favorece a permanencia, o arraigamento e a integración no entorno familiar e social destas persoas, consiste na instalación dun dispositivo no domicilio das persoas usuarias que permita a mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia, necesidade ou seguimento. “Os usuarios deste servizo e as súas familias viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sós, contan cun sistema de chamada para recibir atención en calquera momento”, valorou a Deputada, que explicou que é un dos tres piares da rede de protección social da institución provincial.

O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de tres prórrogas, sen que a duración total exceda dos catro anos.

0.12903499603271