A candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade ten tres novas citas
A estratexia de participación cidadá da candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade ten tres novas citas esta semana, como parte dun conxunto de encontros impulsados pola Xunta de Galicia co obxectivo de informar sobre a situación da candidatura e recoller as opinións ou inquedanzas dos axentes locais e veciñanza.
A primeira trátase dunha xuntanza participativa dirixida ao sector vitivinícola que terá lugar o xoves 11 de xullo ás 19.00 horas na Fraternal de Monforte de Lemos, dirixida ao sector “pola súa importancia neste territorio e porque os viticultores que traballan as muras están xestionando e conservando esta paisaxe cultural," segundo indica Xosé Gago, responsable de participación da candidatura.
Esta convocatoria conta coa colaboración do Consello Regulador, como aglutinante de gran parte do sector, mais é aberta a calquera viticultor ou adega aínda que non pertenzan ao Consello. A porta estará igualmente aberta á veciñanza que se queira achegar.
Por outra parte, o venres 12 de xullo ás 20.00 horas no auditorio municipal do Saviñao xuntaranse empresarios e empresarias do territorio. O encontro organízase coa colaboración da Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, e pode asistir calquera empresario ou empresaria aínda que non estea asociado.
A última xuntanza participativa da semana será veciñal e terá lugar o domingo 14 ás 12.00 horas no auditorio municipal de Chantada. Neste caso, interesa coñecer as inquedanzas da cidadanía, mais tamén detectar a responsables de asociacións veciñais e, en xeral, persoas que representen ás distintas parroquias para seguir aumentando a base de datos de cara á convocatoria do Consello Parroquial que se celebrará en outubro.
Non é preciso reservar para asistir ás xuntanzas e son abertas á participación de calquera persoa independentemente do sector ao que pertenza para facilitar a asistencia por cuestións de axenda ou proximidade.