A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial afronta a súa recta final

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o cumprimento rigoroso de prazos para que a Unesco teña o expediente definitivo antes do 1 de febreiro
Vendima-Ribeira-Sacra
17 Jan 2025

A Xunta de Galicia afronta con “boas expectativas” a recta final da candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para ser recoñecida como Patrimonio Mundial da Unesco en 2026. Así o asegurou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, na súa participación hoxe no Consello do Patrimonio Histórico, que se está celebrar durante estes días na cidade de Murcia.

“Temos unha candidatura seria, forte e máis que solvente”, enxalzou a representante do Goberno galego, quen defendeu que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a dar “todos os pasos necesarios” e a “cumprir de xeito rigoroso” cos trámites requiridos co obxecto de que o centro de Patrimonio Mundial da Unesco, situado en París, “teña a documentación definitiva antes do 1 de febreiro”. “E así vai ser”, aseverou.
“Trátase de pasos fundamentais co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Comité de Patrimonio Mundial de 2026”, afondou ao respecto.

Precisamente, a directora xeral de Patrimonio Cultural lembrou que, a finais do mes de setembro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, entregoulle en persoa, nesta cidade parisiense, o primeiro avance do expediente da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, quen chegou a participar no congreso internacional Fontes, que se celebrou en outubro na municipio ourensán de Nogueira de Ramuín.

Mª del Carmen Martínez considerou este encontro con expertos internacionais e nacionais de patrimonio como “un pulo importante de cara a lanzar a candidatura” e valorou as “achegas, experiencias e ideas máis que útiles” que se aportaron ao longo das tres xornadas, “sobre todo de aqueles lugares que xa contan con este recoñecemento”.

Por estes motivos, insistiu en que desde o Goberno galego se ten a “firme esperanza” de que a declaración de Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra “será unha realidade a festexar en 2026 por toda a súa veciñanza; por todos os galegos e galegas e polo resto de España; e tamén, de seguro, que se sumará a esta celebración a comunidade internacional”, concluíu.

0.16888093948364