A búsqueda da Palabra do Ano 2024 do Dicionario da RAG xa está en marcha

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié recollen suxestións para a elección até o 8 de decembro a través do Portal das Palabras
Palabra do ano RAG
26 Nov 2024

Xa está en marcha a campaña para escoller a Palabra do Ano 2024, unha iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, que busca implicar á cidadanía na selección dunha palabra representativa dos temas máis destacados e significativos do ano. O proceso de elección desenvolvese a través do Portal das Palabras, a plataforma web que comparten ambas as institucións para a difusión e modernización do léxico galego.

A primeira fase, aberta até o domingo 8 de decembro ás 23:59 horas, consiste na recollida de suxestións. Calquera persoa poderá enviar as súas propostas a través do apartado habilitado na páxina web portaldaspalabras.gal, onde tamén se pode consultar información adicional. A partir do mércores 11 de decembro, comezará a fase de votación popular, na que as palabras finalistas serán sometidas á elección dos usuarios do portal, ata o mércores 25 de decembro. O resultado final, co nome da Palabra do Ano 2024, será dado a coñecer nos últimos días de decembro.

A elección desta palabra non se limita ás voces tradicionais do galego, senón que tamén se pode propoñer a inclusión de neoloxismos ou termos que xurdiron nos últimos meses e que se relacionan con novas preocupacións sociais ou culturais. A Palabra do Ano 2024 poderá ser unha palabra ou incluso unha expresión que xire arredor de fenómenos e cambios que marcaron a actualidade do ano.

O Portal das Palabras, que conta con xogos, actividades interactivas e información sobre o léxico galego, convida a toda a sociedade a participar desta campaña, que dende o 2014 busca reflectir de maneira colectiva as transformacións e inquietudes do idioma e da sociedade galega.

 

0.16445088386536