A Axencia Galega de Calidade Alimentaria recoñece o valor do viño da Ribeira Sacra
Co obxectivo de poñer en valor as posibilidades do sector vitivinícola como elemento dinamizador do territorio e creador de riqueza, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou Bodegas Petrón, en Doade (Sober) acompañado co alcalde de Sober, Luis Fernández.
Situadas no corazón da Ribeira Sacra, as Bodegas Petrón contan con diferentes viñedos nas ribeiras do río Sil e Cabarcos destacou que esta adega obtivo o Acio de Ouro ao mellor tinto de Galicia nas tres últimas edicións das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais, polo seu viño Prómine Singular.
Así, recordou que este evento, organizado pola Consellería do Medio Rural e polos consellos reguladores, ten como obxectivo promocionar, identificar e premiar os mellores produtos elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.
Outras visitas
Tamén visitou o Pazo de Rubianes, situado en Vilagarcía de Arousa, que conta cunha pequena adega e que destaca como proxecto enoturístico na denominación de orixe Rías Baixas.
Neste sentido, cabe salientar que organizan diferentes visitas e eventos nos que o viño é o eixe central, como fórmula para poñelo en valor como elemento diferenciador e definidor do territorio.
Unhas posibilidades que se busca potenciar, lembrou, ao abeiro da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que se artella en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos.