A aula forestal Os Trollos, de Bóveda, referente á hora de impulsar as frondosas autóctonas
A aula forestal Os Trollos recibiu a visita do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado do alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e do xefe territorial do Servizo de Montes de Lugo, Miguel Cela. Esta instalación está xestionada pola Consellería do Medio Rural co fin de convertila nun referente á hora de impulsar as frondosas autóctonas e os aproveitamentos non madeireiros, na provincia de Lugo en xeral e na Ribeira Sacra en particular.
Así o explicou José Luis Chan, que avanzou que unha vez se aproben os plans estratéxicos das frondosas autóctonas e dos soutos de castiñeiro e da castaña, no marco dos obxectivos fixados no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, se definirán liñas concretas de traballo coa aula forestal Os Trollos, tanto orientadas á divulgación como á formación. Nesa dirección, tamén se incidirá no fomento das potencialidades que ofrecen os aproveitamentos non madeireiros, sobre todo os cogomelos.
Na visita, o director xeral tamén adiantou a redacción dun proxecto para a recuperación do material de alto valor xenético existente na superficie do viveiro e para a mellora das instalacións, que contan con 30 hectáreas concibidas para a realización de actividades de educación e divulgación dirixidas ao público en xeral, pero especialmente á xente nova.
PLAN FORESTAL
Cabe lembrar que no marco da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”, a Xunta comprométese ao incremento das masas de frondosas caducifolias, para que a superficie total ocupada por este tipo de especies acade as 425.000 hectáreas no ano 2040.
No caso do castiñeiro, prevese aprobar un plan estratéxico para a promoción dos soutos e da castaña. Nese senso, tamén se proxecta a recuperación de ata 8.000 ha de soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación deica o ano 2040, a creación doutras 8.000 hectáreas de novas superficies de soutos para a produción principal de castaña e, por último, outras 8.000 ha de novos soutos para a produción de madeira.