A Asociación Veciñal do Saviñao insta ao Concello a tomar medidas na rúa Rosalía de Castro

RibeiraSacraXa
A Asociación Veciñal do Saviñao insta ao Concello a tomar medidas na rúa Rosalía de Castro debido á súa estreiteza
casa concello escairón saviñao
18 Abr 2023

A Asociación Veciñal do Saviñao solicita ao goberno local do Saviñao a adopción de medidas para solucionar o conflicto circulatorio na rúa Rosalía de Castro de Escairón.

Segundo este colectivo, "é notorio o conflicto circulatorio que día tras día e ás horas laborais se repite na rúa Rosalía de Castro debido á estreiteza da rúa e o feito de aparcar a ámbalas dúas beiras provoca que sexa imposible circular simultáneamente dous vehículos en sentido oposto, tendo que apartar o coche e esperar".

Por outra parte, din que isto "agrávase coa circulación de vehículos de grande tonelaxe, camións de gando, de pienso, forestais, de reparto, de leite e de asfalto que transitan por esta rúa para atravesar Escairón". Así mesmo, lembran que nesa mesma rúa se atopa o colexio, que "engade presión ao tránsito rodado".

Por isto, dende a asociación instan ao Concello a adoptar medidas para dar solución a este problema circulatorio e propoñen dúas medidas: construír un aparcadoiro alternativo por quincenas en cada unha das beiras da rúa, "tal e como está ordenado e funciona na Avenida Buenos aires", explican; e desviar os camións de grande tonelaxe polas estradas de circunvalación, "que ofrecen diversas alternativas para evitar o tránsito polo centro de Escairón e desconxestionar así a circulación".

0.18542504310608